Vilagarcía permite aos locais nocturnos reorientar a súa actividade para evitar o seu peche
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía vén de habilitar unha fórmula para permitir ao sector do ocio nocturno reorientar a súa actividade e así continuar traballando coas novas normas impostas pola Xunta de Galicia para previr e conter a expansión do COVID.
Co obxectivo de evitar o peche total da actividade e o conseguinte afundimento do sector, o Concello permitirá o funcionamento dos locais nos que na súa licenza figure como actividade principal a de 'bar' e exerzan como tal. Con este condicionante, estes locais poderán abrir nas mesmas condicións que os bares, é dicir, en horario diúrno, ata á 1 da madrugada e sen poñer música.
A resolución, asinada polo alcalde a última hora desde venres, chega despois de que o goberno local mantivese varias reunións cos representantes do ocio nocturno e despois de que os servizos xurídicos do Concello buscasen o xeito de facer compatible a normativa municipal coa recente norma aprobada pola Xunta de Galicia que ordena o peche do sector da noite e concreta un catálogo de actividades permitidas e non permitidas. Os hostaleiros demandaban unha solución que lles permitise continuar traballando, tendo en conta que xa foron o sector que máis tardou en abrir tras o levantamento do estado de alarma e un dos máis afectados economicamente polo peche da actividade.
Para poder beneficiarse desta resolución, segundo informan dende o Concello, os establecementos de ocio nocturno deberán tramitar o cambio de tipoloxía da súa licenza, adaptándose ao catálogo da Xunta, e actualizar a súa situación en todas as demais relacións coa administración (categoría de IAE, etc).
Pola súa banda, os establecementos de ocio nocturno que teñan aberto algún expediente por incumprimento da normativa COVID quedan excluídos da medida aprobada, polo que non se lles permitirá a apertura.