Reclaman a presenza de persoal de enfermería nos centros educativos de Galicia
Por Redacción
Colectivos sanitarios, do sector educativo, asociacións de enfermos e asociacións nais e pais de escolares defenden durante os últimos a petición de que se conte cun profesional de enfermería nos centros educativos de toda a comunidade galega.
Ante a preocupación das familias cara ao comezo do curso escolar existe un temor fronte á posibilidade de que se produzan infeccións polo virus SARS- Cov-2 e reclaman medidas baseadas en vixilancia, prevención e control. E esa responsabilidade recae sobre o director do centro, a persoa na que delegue e outros dous profesores, salvo nos centros con menos de seis unidades onde só o director será responsable da vixilancia.
Fronte a esta situación, os Colexios de Enfermería de Pontevedra, A Coruña, Lugo e Ourense solicitan ás Consellerías competentes en Educación e Sanidade que incorporen a profesionais de Enfermería para dar resposta á actual situación de emerxencia sanitaria para o correcto coidado dos escolares.
Colectivos como SATSE; AMECE Galicia; ACEESE Galicia; FEGADI; UGADE, Federación Autismo Galicia; ADAHPO; Asociación Bicos de Papel; AEPOCS, CONFAPA Galicia, FECAPA Santiago; FOANPAS; ANPE; SNEP e Escolas Católicas apoian esta campaña #AlColeConEnfermera, que ten o seu seguimento en redes sociais baixo o título de "Unha volta segura. Enfermeira Escolar".
Indican que o equipo docente vai ter que asumir labores ás que non está afeito nin debidamente formado. E todos estes colectivos entenden que a figura dun profesional de enfermería permitiría dar unha resposta adecuada á pandemia, ademais de realizar unha educación sanitaria e un labor asistencial de calidade atendendo casos de asma, epilepsia, diabetes, autismo, TDH, entre outras situacións sanitarias complexas.
En 2019 xa se presentaron preto de 33.000 firmas, en formato papel, para que se realizase un recoñecemento e regulación da figura da Enfermería Escolar en Galicia, que se rexeitou ao carecer do apoio da maioría poarlamentaria.
A Enfermería Escolar está recoñecida en países como Francia, Suecia, Inglaterra ou Estados Unidos. En España, Madrid, Valencia, Estremadura ou Murcia xa contan con esta figura nas súas escolas.