CC.OO acusa ao Concello de Sanxenxo de "malgastar" diñeiro público nos reforzos da Policía Local da fin de semana
Por Redacción
O sindicato Comisións Obreiras acusa ao Concello de Sanxenxo de "malgastar" diñeiro público ao longo do verán na contratación de reforzos para o servizo das fins de semana da Policía Local.
Aseguran que "unha amplísima maioría" dos axentes se nega a reforzar nos seus días libres os servizos da fin de semana "porque foron enganados polo alcalde Telmo Martín". No seu comunicado, o sindicato acusa o rexedor de prometer pagar os reforzos aos traballadores antes das eleccións "pero a realidade é que levan tres anos sen cobrar os devanditos servizos".
Continúan a súa denuncia acusando o mandatario popular de "traer policías doutros concellos, sobre todo da provincia da Coruña porque na de Pontevedra os compañeiros doutros corpos coñecen o que está a ocorrer e non se prestan a reforzar este servizo".
O sistema de reforzos da fin de semana, explican desde CC.OO, consiste en cubrir quendas nas noites dos xoves, venres, sábado e domingo abonando 240 euros por nocha a cada un dos axentes procedentes doutros municipios. "Tendo en conta os novos horarios dos locais como consecuencia da Covid-19 resulta un malgaste de diñeiro público", denuncia o sindicato.
Critican ademais que ese desembolso pode alcanzar os 5.000 euros e trátase de reforzos que se fan sen control nin organización do traballo. Mentres tanto, censuran que unha parte do persoal cobra uns "salarios de miseria".
As condicións de traballo dos auxiliares contratados para a campaña de verán tampouco son óptimas. "Seguen sen calzado profesional e cun só pantalón para os dous meses de verán ou utilizando roupa desgastada de hai anos doutros auxiliares", conclúen.
Relacionadas:
-
Comisións Obreiras reclamará no xulgado melloras salariais no Concello de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
A policía de Sanxenxo incorpora un escáner de matrículas para axilizar os controis na vía pública
Por Redacción |
-
Identifican a dirixentes de CC.OO pegando carteis en espazos públicos de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sanxenxo reforza a súa Policía Local con 40 auxiliares e tres axentes en comisión de servizo
Por Redacción |