A UME, día a día "intenso" desde Figueirido para unha reacción rápida en caso de incendios forestais en toda Galicia
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
Un total de 23 efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) mantéñense despregados de forma permanente en Galicia para axudar nos labores de loita contra o lume naqueles incendios que, polas súas dimensións e características, precisen unha intervención especializada. Non é un despregamento novo, senón que este ano levan xa varias semanas de agosto e acumulan xa varios veráns despregando dispositivos similares, pero este luns púxose de novo o foco sobre eles con motivo dun "reconocimiento y agradecimiento" que quixo facerlles a Subdelegación do Goberno en Pontevedra.
Este despregamento ten acento pontevedrés porque a UME despregou unha unidade de intervención de entidade sección integrada por 23 efectivos do Quinto Batallón, na base General Morillo de Figueirido, sede da Brilat. Alí recibiron a visita da subdelegada do Goberno, Maica Larriba, e do subdelegado de Defensa en Pontevedra, o coronel Ángel de Miguel.
Ambos coñeceron de primeira man o traballo desta unidade acompañados polo seu máximo responsable, o tenente coronel José Alberto Barja, e quixeron brindarlles ese agradecemento "por el compromiso a favor de los ciudadanos y de las ciudadanas en épocas y en momentos críticos", tanto agora durante a campaña de loita contra os incendios como na operación Centinela Gallego da Brilat para a prevención de incendios e durante o estado de alarma polo coronavirus coas súas tarefas de desinfección e patrullas. Nestes momentos críticos "se ve la importancia que tiene el Ejército de España para la sociedad", lembrou Larriba.
Da súa man, tiveron contacto cos 23 militares e puideron coñecer os medios materiais despregados para o seu traballo en Pontevedra, tres autobombas; un vehículo ama de cría, "el músculo de la unidad"; e un sistema de mando e control con capacidade de transmisión de vídeo a través de helicóptero e de drons que lles permite coñecer o perímetro do incendio en todo momento e poder tomar decisións sobre como evoluciona. Completan o despregamento dous vehículos lixeiros, un vehículo de comunicacións e un camión de carga.
O tenente coronel Barja explicou que os medios despregados en Pontevedra teñen a súa base en León, desde onde teñen responsabilidade de apoiar a catro comunidades, Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León.
En particular, para a campaña de loita contra incendios forestais este batallón vén destacando desde hai anos unha unidade permanente en Galicia en agosto e setembro que este ano ten estes 23 militares fixos, pero que se pode ampliar en función das necesidades. A esa primeira forza de reacción de 23 poden sumar ata 140 ou 150 militares en cuestión de 2 horas e media.
Fisicamente están en Figueirido e seguirán ata final de setembro, pero traballan en toda Galicia. O obxectivo do seu despregamento aquí en lugar de estar na súa base de León é que, desta forma, poden "acortar los plazos de reacción en el caso de un apoyo".
A súa eficacia demostrouse nas últimas semanas en varios incendios na zona de Ourense, en localidades como Lobios ou Toén, pois ao estar máis preto puideron incorporarse aos dispositivos de extinción "da forma más breve posible". Segundo os datos facilitados, a Xunta de Galicia solicitou este ano a súa intervención en catro incendios.
O tenente coronel da UME mostrouse moi agradecido pola visita da subdelegada do Goberno, que interpreta como "un reconocimiento de la sociedad de Pontevedra y de Galicia a la labor de la UME en los últimos años" e explicou que o seu día a día é "intenso" e "muy satisfactorio".
No seu caso particular, recoñece que é "un honor poder dirigir y coordinar" a militares que son "lo mejor de los tres Ejércitos, Tierra, Aire y Armada", pois é unha unidade conxunta baixo o seu mando.
O coronel Ángel de Miguel explicou que estes 23 efectivos non son os mesmos todo o verán, senón que "el esfuerzo, la tensión y el trabajo" fan que sexa necesario ir relevándoos con regularidade "porque el nivel de exigencia es muy elevado".
Ademais das propias tarefas de extinción, tamén cumpren funcións de colaboración institucional e unha dobre faceta, unha previa de preparación coordinación previa á emerxencia e outra de coordinación durante a propia emerxencia.
Relacionadas:
-
A Operación Sentinela Galego pecha a campaña de 2020 con máis de 100 incendios avistados
Por Redacción |
-
Preocupación por un incendio forestal en Cuntis próximo a un núcleo habitado
Por Oskar Viéitez |
-
O Exército incorpórase ao dispositivo de vixiancia do monte e a Xunta asegura que serán "implacables" cos incendiarios
Por Oskar Viéitez |
-
A Brilat volverá aos montes galegos o 15 de agosto e a UME, o 1
Por Redacción |
-
A Brilat volverá patrullar os montes este verán para loitar contra os incendios
Por Natalia Puga |
-
Militares da UME desinfectan as rúas de Pontevedra e controlan as saídas dos cidadáns
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
A UME pecha o seu despregamento estival en Figueirido: "La mejor noticia es que este año hayamos tenido poca actividad"
Por Cristina Saiz & Natalia Puga |