Poio reactiva a comisión de emerxencias da COVID-19
Por Redacción
O Concello de Poio reactiva a Comisión de Emerxencias da Covid-19, unha decisión que se adopta tendo en conta diferentes razóns, entre as que se atopan o inminente inicio do curso escolar, o aumento de persoas infectadas ou en cuarentena nas últimas semanas en toda a área sanitaria de Pontevedra e, sobre todo, a "absoluta falta de información por parte da Consellería de Sanidade, que a día de hoxe continúa negándose a achegar datos ás administracións municipais, a pesar das reiteradas peticións realizadas polo goberno local".
Esta comisión foi creada a raíz do decreto do estado de alarma, o pasado mes de marzo, e permaneceu operativa ata a entrada na nova normalidade.
A través deste órgano, coordinado pola Concellería de Seguridade Cidadá e integrado pola Policía Local, Protección Civil, servizos municipais e diferente persoal municipal, leváronse a cabo diferentes iniciativas, como o peche de espazos públicos nos días previos ao confinamento, así como traballos de limpeza e desinfección, dispositivos de seguridade ou reparto de material de protección aos colectivos, empresas e profesionais máis expostos ante a Covid-19.
Perante o contexto actual, a comisión impulsará un plan de medidas que estea adaptado á nova normalidade e destinado a evitar a expansión do virus e posibles gromos. Para iso, continuarase reforzando a limpeza e desinfección en diferentes zonas. En caso de ser preciso, tamén se limitarán os accesos a determinados espazos, tal e como sinala a titular desta área, Marga Caldas.
O Concello fai un chamamento á veciñanza para "que non baixe a garda e continúe cumprindo coas medidas de seguridade, distanciamento e hixiene decretadas polas autoridades".
"É moi importante non baixar a garda", indica o goberno local.