Sábado noite de incumprimentos no Grove: botellóns prohibidos, festas ilegais e locais que superan o horario de peche
Por Redacción
A Policía Local e a Garda Civil do Grove realizaron durante a noite do pasado sábado 11 intervencións dentro do dispositivo especial de vixilancia posto en marcha para controlar o cumprimento das normas dictadas para evitar a expansión da Covid-19 e evitar os excesos e incumprimentos detectados durante as pasadas fins de semana. En concreto, foi necesario que disolveran varias festas particulares e botellóns na rúa.
A maioría das intervencións estiveron relacionadas con botellóns ou concentracións de persoas na vía pública. Así, ás 00:35 horas disolveuse un detrás do pavillón de congresos e exposicións da illa da Toxa e ás 1:21 horas localizouse outro na zona da explanada do club náutico. Neste último, os implicados trataron de agocharse en vehículos, pero foron localizados con gran cantidade de alcol e procedeuse á correspondente disolución e denuncia.
Tamén ás 2.39 horas recibiron chamada de alerta da presenza de persoas nas pistas de pádel situadas detrás da Aldea Comercial da illa da Toxa. Os axentes disolveron a reunión e sinalan que as persoas que estaban alí presentes non amosaban condutas non correspondentes coa normativa actual.
Xa eran as 2.59 horas cando acudiron a outro botellón na rúa Ernesto Goday, aínda que neste caso se trataba dunha única persoa, que se retirou axiña ao seu domicilio. Ás 4.05 os axentes desprazáronse de novo a esta rúa e disolveron un grupo de persoas que non son denunciadas por non estar incorrendo en comportamentos non axustados á norma.
A noite continuou disolvendo outra festa na zona da illa da Toxa e multando por circular polas rúas peonís.
Ademais, houbo varias intervencións relacionadas con domicilios particulares. A primeira foi pasadas as 1.20 horas, cando os axentes tiveron que presentarse nun domicilio particular na illa da Toxa e disolver unha festa, aínda que non se puido apreciar motivo de denuncia.
Ás 2.36 horas recibiron un aviso de ruído nunha vivenda particular nun barrio exterior da vila e, ao presentarse no lugar, disolveron unha festa sen que se apreciase tampouco motivo de denuncia.
Ás 3:58, tras recibir unha chamada telefónica, disolveron festas en dúas casas da mesma rúa na zona de Meloxo.
Os axentes tamén tiveron que actuar en varias locais de hostalería. Realizaron unha supervisión do horario de peche, reducido á unha da madrugada na actual normativa, e tiveron que acudir a un situado no centro do Grove que seguía aberto pasada esa hora. Neste caso, procedeuse ao desaloxo de 15 clientes e á tramitación da correspondente denuncia.
O Concello do Grove insiste na gravidade destes feitos, tanto por non ser acordes coa convivencia e tranquilidade da localidade como por realizarse nun momento no que este tipo de actividades supoñen o risco engadido da expansión da pandemia que estamos sufrindo.
Ademais, anuncia que a Policía Local será exhaustiva no cumprimento das normas necesarias e xa advirte de que continuarán os controis que eviten este tipo de comportamentos.
Relacionadas:
-
RADIO.- Mentres isto dure: Abordamos a responsabilidade persoal ante a covid-19
Por Marisa Ciordia |
-
O Grove anuncia man dura contra os actos vandálicos e estuda instalar cámaras de vixilancia
Por Redacción |
-
A Policía Local do Grove tramita 30 propostas de sanción por incumprimento das "normas Covid" esta fin de semana
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno meco aplicará "man dura" para vixiar o uso de máscaras e a celebración de 'botellóns'
Por Redacción |