VÍDEO.- Tres candorcas atacan e rompen o temón dun barco de vela
Por Oskar Viéitez
O veleiro da Armada "Mirfak", un cruceiro de regata de 6 toneladas e 12 metros con base na Graña (Ferrol), foi atacado na tarde deste domingo por tres candorcas que romperon o temón cando navegaba polas augas das Rías Baixas.
O incidente produciuse a dúas millas ao oeste dos baixos de Corrubedo, entre as rías de Muros e de Arousa.
Como pode apreciarse no vídeo gravado por un dos membros da tripulación, unha vez que os cetáceos romperon o temón estes afastáronse da embarcación entretidos coa peza rota que flotaba na auga.
Co temón danado esta embarcación da Armada que serve como escola para os cadetes, puido chegar á Escola Naval de Marín, onde está a ser reparado para chegar a tempo ao Monte Real Club de Iates de Baiona, onde este venres comeza unha nova edición da regata Príncipe de Asturias.
Tras o incidente deron aviso inmediato a Salvamento Marítimo, que lanzou unha alerta a todos os barcos para que non se acheguen en caso de avistamento.
A Coordinadora de Mamíferos Mariños (Cemma) tivo noticia doutro ataque a un barco francés na zona das illas Ons.
Desde o Cemma publican nas redes sociais que "ante a difusión e certo sensacionalismo que está habendo en medios de comunicación e redes sociais sobre un avistamento de candorcas en Galicia onte, gustaríanos explicar que a partir de finais de agosto non é raro ver pequenos grupos que se dirixen cara ao norte dende o Golfo de Cádiz e Estrecho de Gibraltar, atravesando a plataforma galaico-portuguesa, como temos demostrado cos estudos de fotoidentificación. CEMMA mantén contacto cos equipos portugueses que avisan do paso por cercanías de Lisboa, sabendo que en 7-9 días as teremos por aquí. Esa previsión cumpriuse xa hai unha semana cando Gabi Lloréns e Daniel López Velasco fixeron o primeiro avistamento da tempada, e agardabamos un novo paso para estes días, que tamén onte puidemos confirmar.
Neste momento estamos investigando a interacción de individuos desta especie con dúas embarcacións nas Rías Baixas no día de onte, pero como sempre farémolo obxectivamente, con calma ata ter todos os datos e coordinados dende un principio con Salvamento Marítimo e os barcos implicados, a quen estamos agradecidos polos seus avisos e colaboración".