Tres días sen asistencia á aula, castigo para o alumnado que incumpra as medidas sanitarias
Por Redacción
As consellerías de Educación e Sanidade publicaron as instrucións para a volta aos centros escolares que se realizará de maneira graduada a partir do 10 de setembro. Entre as principais novidades que se recollen no documento asinado pola conselleira Carmen Pomar e o responsable de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, se atopa a obriga por parte do alumnado de levar unha segunda máscara de recambio, ademais dun estoxo específico para gardala en caso necesario, por exemplo, no comedor.
O uso de máscara será obrigatorio a partir dos 6 anos de idade con independencia do mantemento da distancia interpersoal, salvo en casos excepcionais de persoas con problemas respiratorios ou por enfermidade que poida verse agravada polo seu uso.
Tamén se establece que o lavado das mans realizarase, polo menos, cinco veces ao longo da xornada escolar, particularmente na entrada e saída do centro, antes e despois do recro, antes e despois de comer e sempre despois de visitar o aseo.
O centro educativo deberá evitar aquelas actividades que supoñan a mestura do alumnado de distintos grupos de convivencia ou de clases e aquelas que esixan unha especial proximidade. Os eventos deportivos ou as celebracións poderanse desenvolver pero sen presenza de público.
Tamén se establece a realización de tarefas de ventilación frecuentes nas instalacións, por espazo de polo menos 15 minutos ao comezo da xornada, durante os recreos e ao finalizar as clases, sempre que sexa posible entre as distintas sesións.
CONDUTAS LEVES CONTRARIAS Á CONVIVENCIA
E se se incumpre algunha das normas establecidas por parte do alumnado? Neste caso, as instrucións da Xunta de Galicia refírense a unha falta leve e remiten á Lei autonómica do 4/2011 de convivencia e participación da comunidade educativa onde se contempla a suspensión do dereito de asistencia a determinadas clases ou ao centro escolar por un período de ata tres días lectivos. Durante o tempo que durase a suspensión, o alumnado terá que realizar os deberes ou traballos que se determinen para evitar a interrupción no proceso formativo.
Estas infraccións leves tamén poden ser corrixidas cunha amoestación privada, realización de traballos específicos en horario lectivo, realización, en horario non lectivo, de tarefas que contribúan á mellora e desenvolvemento das actividades do centro, suspensión do dereito para participar nas actividades extraescolares ou complementarias do centro por un período de ata dúas semanas.
Tamén se contempla o cambio de grupo por un período de ata unha semana, medida que nas circunstancias actuais é moi probable que ninguén decida levala a cabo.
Relacionadas:
-
Colexios e institutos buscan novos espazos para cumprir coa distancia de seguridade entre estudantes
Por Manu Otero |
-
A educación infantil en formato burbulla ponse en marcha en Pontevedra
Por Manu Otero |
-
As clases empezarán de forma escalada por cursos e os escolares deberán levar unha máscara de recambio
Por Redacción |
-
O curso escolar comezará con folgas ante o "coste cero" das medidas da Xunta contra a COVID-19
Por Redacción |