Caldas de Reis finaliza a reparación urxente da Pontella de Segade
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis vén de finalizar as actuacións urxentes de reparación na pontella de Segade para devolverlle a estabilidade ao conxunto danado polas crecidas do Umia.
Estes traballos leváronse a cabo como paso previo á súa restauración integral coa finalidade de devolvela ás súas condicións orixinais e favorecer a súa conservación. As obras foron executadas pola empresa Emdesfor 2002 SL baixo a dirección do arquitecto Luis Gil Pita.
Así mesmo, debido á meticulosidade necesaria na actuación, tamén se contou coa participación de canteiros de Poio especialistas en intervencións fluviais.
Esta infraestrutura etnográfica singular está protexida polo actual Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e sitúase no lugar de Segade de Abaixo, a escasos 500 metros do casco urbano de Caldas.
Os traballos executados foron dirixidos a restablecer a cota orixinal do alicerce e do piar central desencaixados polas continuas crecidas do pasado inverno e así recuperar o nivel horizontal da ponte e permitir que a cota de apoio dos linteis de paso volvesen á súa posición natural.
O concelleiro de Obras e infraestruturas, Manuel González, reafirmou o compromiso do Concello pola conservación e posta en valor das múltiples pontes presentes en Caldas de Reis a través do plan "Pontes de Caldas" que permitirá a rehabilitación dun bo número destas infraestruturas.
Do seu lado, o alcalde, Juan Manuel Rey, subliñou "o compromiso do goberno municipal coa conservación e posta en valor do Umia, da súa contorna e dos seus múltiples recursos naturais e patrimoniais".
Relacionadas:
-
Informes favorables para a restauración da Pontella de Segade de Abaixo
Por Redacción |
-
Un estudo en 3D da Pontella de Segade será a base para a súa rehabilitación integral
Por Redacción |
-
Caldas mellora o vial interior do núcleo de San Martiño
Por Redacción |
-
Rematado con éxito o muro de Segade de Abaixo malia as dificultades do terreo
Por Redacción |
-
Os veciños de Caldas participan nunha andaina que pon en valor a biodiversidade do Umia
Por Redacción |
-
Caldas restaurará a Pontella de Segade deteriorada polas crecidas do Umia
Por Redacción |