Familias que viven das atraccións de feira en Barro quéixanse da escasa axuda municipal
Por Redacción
Representantes do Partido Popular de Barro visitaban nas últimas horas a veciños de Agudelo, no municipio de Barro. Alí residen ao redor de 50 persoas, incluídos menores, que viven das atraccións de feira. Segundo sinalan, neste momento padecen as consecuencias da crise económica derivada da pandemia e non poden realizar a súa actividade habitual nas festas.
Actualmente viven nunhas naves sen auga pública nin rede de rede de sumidoiros, segundo denuncia o PP. Indican que teñen que acceder ao auga a través dun pozo situado nunha leira, que se atopa situado a escasos metros dunha fosa séptica.
Estas familias sinalan que se lles ofrece moi pouca axuda económica desde as institucións. O Partido Popular afirma que estes veciños reuníronse co alcalde Xosé Manuel Abraldes e coa asistenta social en varias ocasións para reclamar máis axudas e quéixanse de que sempre recibiron a resposta de que non hai orzamento para afrontar un incremento económico nestas prestacións sociais.
O PP de Barro pregúntase onde están as axudas que o Concello comprometeu no pleno para familias vulnerables e reclaman máis presuposto para que se resolva esta situación. Os populares mesmo solicitan que o alcalde se rebaixe o soldo e as dietas dos plenos para investir ese diñeiro en axudas sociais.