Máis de 200 bueuenses achegáronse este xoves á carpa informativa sobre a compostaxe
Por Oskar Viéitez
Este xoves, a contorna da Praza de Abastos de Bueu acolleu unha mesa informativa sobre o Plan Revitaliza, á que se achegaron arredor de 200 persoas, entre as 10 e as 13 horas.
Segundo os datos achegados polos mestres composteiros da Deputación de Pontevedra, un total de quince persoas inscribíronse para contar cun composteiro individual, e repartiuse material informativo, fundamentalmente trípticos dos composteiros domésticos, dos composteiros comunitarios e imáns de neveira. Ademais, tamén se entregaron en torno a sesenta quilos de compost peneirado.
A compostaxe leva funcionando na vila bueuesa dende hai cinco anos, cando se instalaron os dous centros de compostaxe comunitaria na rúa Xosé María Estévez e en Pazos Fontenla, nos que se xestionan máis de 30 toneladas ao ano de biorresiduos, evitando así que se mesturen con outros residuos e se reduza a emisión de contaminantes á atmosfera.
Ademais, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e de Sogama, o Concello repartiu preto de 150 composteiros individuais.
Dende o departamento de medio ambiente, que dirixe o edil Xosé Leal, estase traballando nestes meses para seguir implicando á poboación na compostaxe.
Para iso solicitáronse tres subvencións que posibilitarán a adquisición de novos composteiros individuais para os fogares, a ampliación do composteiro comunitario da rúa Xosé María Estévez e instalación de dous novos, a recollida selectiva da materia orgánica en produtores singulares (restaurantes, hoteis...) con destino a compostaxe en planta, e adquisición de microtrituradoras para préstamo á veciñanza, co fin de que poida triturar as pequenas podas.
Este modelo de xestión do lixo ten moitas vantaxes ambientais e reduce custos económicos para o Concello, posto que os biorresiduos trátanse no mesmo lugar no que se xeran, e polo tanto non é preciso recollelos nin levalos a queimar a Sogama.
Relacionadas:
-
Beluso estreará este venres o seu centro de compostaxe comunitaria
Por Redacción |
-
Bueu instala un composteiro no colexio Virxe Milagrosa
Por Redacción |
-
Illa de Príncipe dedicará dous meses a formarse en compostaxe vendo exemplos na provincia
Por Redacción |
-
Os concellos na fase 2 do Plan Revitaliza poderán cumprir este ano cos obxectivos de reciclaxe da Unión Europea
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A carpa do Revitaliza chega a Bueu para informar sobre compostaxe doméstica e comunitaria
Por Redacción |
-
O composteiro do Sequelo entra en fase de repouso e habilítase un segundo caixón
Por Redacción |