Poio solicita á Xunta que ceda aos colexios o material de protección sobrante das eleccións autonómicas
Por Oskar Viéitez
O Concello de Poio enviou á Xunta de Galicia unha solicitude para poder facer uso do material hixiénico-sanitario sobrante das pasadas eleccións autonómicas, celebradas o 12 de xullo, de xeito que poida ser distribuído entre os centros educativos do municipio.
Esta petición realízase despois de que o pasado 28 de agosto a concelleira de Educación, Raquel Rodríguez, mantivese unha xuntanza cos equipos directivos dos colexios e do IES para avaliar o estado da situación a apenas días do comezo da tempada lectiva. Precisamente, nesa reunión falouse da necesidade de que sexa subministrado material hixiénico-sanitario de protección contra a Covid-19.
Tal e como figura no escrito enviado á Xunta, firmado pola alcaldesa accidental, Chelo Besada, este tipo de material foi utilizado no plan de seguridade que se desenvolveu nos colexios electorais durante os comicios do 12 de xulio. Como parte do mesmo non foi utilizado, o Concello entende que, dado o contexto actual, o ideal sería realizar esta achega aos centros educativos, para que dispoñan destes elementos.
O pasado 2 de setembro tamén se lle remitiu á Xunta de Galicia unha comunicación dos acordos acadados no pleno extraordinario celebrado en agosto, entre os que figura unha moción para instar á administración autonómica a que incremente o investimento para a dotación ao persoal dos centros de ensino de equipos de protección contra a Covid-19.
No Concello de Poio teñen claro que debe ser a Consellería de Educación quen asuma estes custes, máxime despois de que se confirmarse unha liña de axudas, emitidas polo Goberno central, a todas as comunidades autónomas neste eido. No caso de Galicia, esta contía supera os 90 millóns de euros.
Relacionadas:
-
A Xunta cede aos concellos o material de protección non empregado nas eleccións autonómicas
Por Redacción |
-
Poio dobrará a achega municipal para os comedores escolares
Por Redacción |
-
Dúas empresas doan mil máscaras infantís aos tres colexios de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Cruz Vermella activa a campaña "Volta ao Cole Solidaria" a favor da infancia en risco social
Por Redacción |