Colexios e institutos buscan novos espazos para cumprir coa distancia de seguridade entre estudantes
Por Manu Otero
Atopar espazos nos que aloxar a todos os alumnos de cada clase e cumprir coa distancia de seguridade de metro e medio entre estudante que marca o protocolo da Xunta é o principal problema que se atopan os equipos directivos de colexios e institutos de Pontevedra diante do inminente inicio do curso, previsto para o 10 de setembro en Educación Primaria e, o día 16, para ESO, Bacharelato e Formación Profesional.
Con ratios que, moitas veces, superan os 25 alumnos por grupo, as dimensións das aulas son insuficientes. Por iso, os directores dos centros afánanse a contrarreloxo para dar con espazos alternativos ou na confección de horarios para desdobrar cursos e conseguir ampliar o persoal de docentes.
"Comezamos en xullo a preparar a volta, cando se aprobou o protocolo. Distribuímos os espazos e organizamos as entradas e saídas, pero cos cambios do día 31 de agosto, que pasaron dunha distancia dun metro entre alumnos a 1,5, case colapsamos", explica o director das Doroteas, Francisco Balado. "En Educación Primaria non temos problema porque son aulas burbulla, pero na ESO para meter a 25 alumnos necesitamos aulas de 60 metros cadrados. Estamos a buscar espazos alternativos como a capela ou ou salón de actos", confesa o profesor.
Máis angustiosa é aínda a situación no IES Valle Inclán. A súa privilexiada localización no centro da cidade convértese agora nun problema polas reducidas dimensións das súas aulas e a imposibilidade de atopar espazos alternativos para dar cabida aos seus máis de 800 estudantes de ESO, Bacharelato e adultos.
"Temos 30 alumnos por aula, a máis grande ten capacidade para 25 alumnos, estamos en contacto con Inspección Educativa para ver se podemos facer quendas", expón a directora do instituto, Pilar Freitas, quen sente que é "frustrante" ver que a planificación realizada durante todo o verán resulta agora inútil. "Senón fose polo último cambio, iriamos ben", asegura.
Na Educación Primaria a situación é menos preocupante. "Tivemos que habilitar novos espazos, o único problema que temos é cos armarios que empregabamos para gardar material nas aulas, teremos que levalos a algún almacén", explica o director do CEP Campolongo, José Manuel Sancho, Pachú; nun ton máis relaxado que os seus homólogos.
A solución á falta de espazo antóllase complicada na maioría dos casos. As alternativas que barallan na directiva do céntrico instituto pontevedrés pasan por volver á distancia dun metro entre alumnos, algo que actualmente incumpriría o protocolo de seguridade, ou desdobrar cursos e crear novos grupos, "pero faríannos falta máis mestres", alerta Freitas. Ideas expostas noutros lugares como sacar as clases á rúa veno algo inviable. "Non imos montar unha carpa en Montero Ríos", descarta a directora.
Aínda que nas Doroteas dispoñen de máis espazo, a distribución do mesmo está a resultar tamén todo un desafío. "Tentaremos non desdobrar, pero se temos que facelo, haberá cursos que terán que vir pola tarde e terannos que mandar máis profesores", sinala Balado, quen espera atopar a solución para redistribuír as súas preto de 1.000 estudantes sen modificar os horarios. "En primeiro e segundo da ESO temos moitos rapaces e rapazas, haberá unha clase máis ampla que irá a estes espazos alternativos", desvela o director os plans para o inicio do curso.
Non é a reestruturación das aulas a única dificultade que entraña este inicio de curso 2020-2021 marcado pola pandemia da Covid-19, evitar aglomeracións durante todo o horario lectivo é unha obrigación que debe cumprir cada centro. As entradas e saídas graduadas é algo que se está implantando en todos os colexios e institutos, pero existe outro momento da xornada no que, en cursos anteriores, convivía todo o alumnado. "Faremos dúas quendas de recreos de vinte minutos e ademais temos ou patio parcelado", explica Pachú, os seus plans para o tempo de asueto dos escolares de Campolongo.
Nas Doroteas a solución é similar, "dividimos o patio en A, B e C, os recreos serán por quendas, máis curtos e haberá grupos que algún día non poderán saír", asume con resignación Balado.
Os medos, preocupación e preguntas dos pais é outro asunto novo ao que as directivas dos colexios teñen que facer fronte neste convulso mes de setembro. "Todo se resolve con información", afirma armándose de paciencia o director das Doroteas, que ultima a redacción dunha circular que publicará nas canles oficiais do centro e fará chegar a todos os pais e nais do alumnado. Ademais, os primeiros días de clase haberá sesións informativas nas aulas para concienciar ao alumnado da importancia de coñecer e cumprir as novas normas de seguridade sanitaria.
En Campolongo iniciarán a próxima semana unha reunión aula por aula á que acudirá un só pai ou nai dalgún dos alumnos do curso para recibir as explicacións e coñecer de primeira man as rutinas do novo curso para comunicarllo logo ao resto de proxenitores. Así mesmo, os alumnos tamén recibirán estas instrucións. "O día 10 os alumnos de primeiro, segundo e terceiro entrarán de forma graduada e explicaráselles como deben moverse; e ao día seguinte faremos o mesmo cos tres cursos seguintes", detalla Jose Manuel Sancho.
A seguridade e aplicación do protocolo ocupa os primeiros puntos da orde do día nas reunións do profesorado para a organización do novo curso, pero as directivas alertan que non convén esquecer a parte pedagóxica. "Temos que planificar o curso dun xeito presencial, semipresencial ou telemático e tamén ver como recuperar ou terceiro trimestre do curso pasado", alertan desde as Doroteas.
No Valle-Inclán, tamén están pendentes desta situación e a recuperación dos temas non impartidos no último curso irán incluídos nas planificacións didácticas de cada departamento, explica a directora.
Poucos dubidan de que o inicio do novo curso escolar vai supoñer un enorme reto para toda a comunidade educativa. E debe saír adiante nun clima de medo e preocupación que afecta a toda a sociedade e do que o profesorado tampouco é alleo.
"Claro que estamos moi preocupados pola pandemia. Aquí somos setenta mestres, dez PAS, persoal de recepción, de secretaría, temos actividades extraescolares...", enumera Balado as infinitas posibilidades de contacto que se poden dar nun centro educativo como o que dirixe. "Pero isto ten que botar a andar e termos que resolvelo conforme ao protocolo", sentenza.
Relacionadas:
-
Clases na capela para escapar da covid-19
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Sánchez Cantón e Valle Inclán unen as súas voces para protestar por un bacharelato "que non é nin semipresencial"
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
O Concello limitará un espazo en Montero Ríos para as clases de Educación Física do IES Valle Inclán
Por Manu Otero |
-
Os institutos volven á vida por quendas e moi ordeados para tentar evitar aglomeracións
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Formación en COVID-19 para os coordinadores dos colexios de Pontevedra e O Salnés
Por Redacción |
-
Pais e estudantes do IES Sánchez Cantón mobilízanse por un bacharelato 100 % presencial
Por Manu Otero & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Institutos e centros de FP de Pontevedra solicitan a Educación aplazar o inicio do curso
Por Alejandro Espiño |
-
Planifican a desinfección dos colexios públicos desde o Concello pero alertan que a responsabilidade correspóndelle á Xunta
Por Redacción |
-
7.914 escolares de Pontevedra volverán ás aulas a partir do 10 de setembro
Por Manu Otero |
-
Ana Pontón: A "improvisación" da Xunta no regreso ás aulas é unha "falta de respecto" á comunidade educativa
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Familias do CEIP Rosalía de Castro do Grove cuestionan que Educación opte por unificar unha aula en plena pandemia
Por Redacción |
-
A educación infantil en formato burbulla ponse en marcha en Pontevedra
Por Manu Otero |
-
Tres días sen asistencia á aula, castigo para o alumnado que incumpra as medidas sanitarias
Por Redacción |
-
As clases empezarán de forma escalada por cursos e os escolares deberán levar unha máscara de recambio
Por Redacción |
-
O curso escolar comezará con folgas ante o "coste cero" das medidas da Xunta contra a COVID-19
Por Redacción |