Ponte Caldelas lanza axudas para a contratación de coidadores
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas pon en marcha o "Bono Ponte Caldelas Concilia" para facilitar a conciliación laboral e familiar dos fogares do municipio a través da contratación dunha persoa para o coidado de nenos, de persoas maiores ou dependentes.
A axuda é de 220 euros ao mes para que as familias poidan contratar unha persoa que se adique aos coidados dadas as restricións nos centros educativos e de maiores.
Esta axuda posta en marcha polo Concello de Ponte Caldelas é compatible con outras para a mesma finalidade e é unha aposta pola igualdade que quere evitar que nai ou pai teñan que renunciar a un posto de traballo pola falta de medios de conciliación familiar.
"Nun momento no que está no aire o Plan Madruga, os comedores escolares dos colexios e tamén a atención en centros de maiores considero necesario que as administracións arrimemos o hombro e fagamos todo o posible para que as familias poidan conciliar vida familiar e laboral", indica o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz.
Nos vindeiros días poderase iniciar a tramitación da axuda a través da Sede Electrónica do Concello de Ponte Caldelas ou presentando a correspondente solicitude no rexistro do Concello.