Familias do CEIP Rosalía de Castro do Grove cuestionan que Educación opte por unificar unha aula en plena pandemia
Por Redacción
Os pais e nais do alumnado do terceiro curso de Educación Primaria do CEIP Rosalía de Castro do Grove amosan o seu "rotundo rexeitamento" a unha decisión que adoptou a Consellería de Educación para unificar a aula de terceiro para o curso 2020-21.
As familias cuestionan que se tomara esta decisión en plena pandemia do coronavirus e piden á consellería que se retracte e, tendo en conta a situación excepcional derivada da alerta sanitaria, se manteñan as dúas aulas co seus correspondentes docentes.
Este ano haberá en terceiro de Primaria 25 alumnos e as ratios de Educación fixan, precisamente, o máximo por aula nese número, pero as familias cren que a decisión debería cambiar porque coa situación excepcional do momento, derivada da Covid-19, a recomendación do Ministerio de Educación é a de crear aulas con un máximo de 15 alumnos e alumnas. Desta maneira, mantendo a división do 3º curso de primaria cumpriríase ese encomendado.
Na súa queixa, as familias sinalan que, na súa opinión, non é problema de falta de aulas, pois hai as suficientes no centro educativo para manter dúas no terceiro curso, pero que si habería un problema no relativo ao profesorado, pois non hai os docentes suficientes para cubrir as dúas aulas, logo de que Educación decidira suprimir unha praza.
Ademais, sinalan que o Protocolo da Xunta de Galicia no seu punto 18.1 indica que a biblioteca poderá ser usada por un 50% do aforo, no 19.1 que o uso dos aseos estará limitado a un terzo do seu aforo e no punto 26.5 que o aforo máximo das salas de profesores estará determinado ao cumprimento da distancia de seguridade de 1,5 metros. Tendo en conta estas recomendacións, non entenden por que para as aulas a determinación do aforo se cuantifica unicamente por superar ou non os 25 alumnos.
As familias tamén consideran que unificar a aula de terceiro suporía contar con menos espazo para manter as distancias de seguridade recomendadas para evitar contaxios da Covid-19.