O PP urxe ao Concello unha actuación "integral e inmediata" en diferentes puntos da cidade que cualifica como "estercoleros"
Por Redacción
O PP de Pontevedra chama a atención sobre o feito de que hai diferentes puntos da cidade que acumulan "grandes e importantes" cantidades de residuos e chega a cualificalos como "estercoleros". Ante esta situación, demanda ao Concello que actúe.
O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, urxe ao Concello de Pontevedra unha actuación "integral e inmediata” nestes puntos, algúns existentes desde hai anos.
Como exemplo, fala dun "estercolero" na antiga estrada que conecta Pontevedra e Marín, pero sinala que hai máis e convida o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a visitar co PP estes puntos, "que pise dunha vez a rúa", pois está "completamente seguro" de que se se pasease por eles e "se puxese a traballar dunha vez" poñeríase fin á súa existencia.
Segundo explicou Domínguez, no PP están preocupados por esta acumulación de desperdicios e lixos por diferentes razóns. En primeiro lugar, porque se trata dunha infracción contra o Medio Ambiente, provoca malos cheiros e a proliferación de roedores e nalgúns puntos é tal a cantidade que xa invaden as beirarrúas, provocando que persoas con mobilidade reducida teñan mesmo que utilizar a estrada para poder avanzar no seu camiño.
Ademais, sinala que algúns destes puntos non están controlados e xa se alongan no tempo por varios anos, de modo que "o deixamento e a inacción" do Concello provoca unha imaxe "deplorable" da cidade.