Cuntis estuda a fórmula para retomar os seus programas Habilitas para a integración de persoas con discapacidade
Por Redacción
O Concello de Cuntis está estudando as fórmulas necesarias para a reactivación da atención presencial dos programas Habilitas e Habilitas Fogar, que se veñen desenvolvendo dende hai varios anos para a integración de persoas con discapacidade e que se paralizaron na súa modalidade presencial por mor da pandemia da Covid-19.
Durante estes meses mantívose a atención telemática aos usuarios e ás súas familias a través de clases on line, envío e corrección de tarefas ou apoio psicosocial, pero detectouse que os medios telemáticos teñen limitacións e existe unha fenda dixital que impide chegar coa mesma intensidade a todas as persoas participantes, de maneira que resulta fundamental recuperar a atención presencial.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e a concelleira de Servizos Sociais, Ana Loureiro, sinalaron que están a estudar todas as posibilidades xunto cos profesionais do programa para reactivalo o antes posible garantindo a saúde dos participantes, tendo en conta que se trata dunha iniciativa fundamental tanto para os propios usuarios como para as súas familias.
A saúde dos usuarios e profesionais será a prioridade, de modo que a volta á actividade presencial se desenvolverá aplicando todas as medidas e protocolos de seguridade fronte á Covid-19. Agora está en estudo se optarán por unha reactivación progresiva ou a través de medidas de carácter individual.
A reactivación progresiva daría comezo coa volta á actividade de maneira individualizada coa ratio 1 profesional / 1 usuario na Casa do Médico con estritos protocolos que permitirían establecer as rutinas coas que avanzar a unha segunda fase na que xa se podería levar a cabo accións de tipo grupal con grupos pechados e todas as condicións de seguridade aplicadas.
A segunda proposta que se está a valorar consistiría en reactivar o programa exclusivamente con accións presenciais individuais na Casa do Médico ou na contorna de cada participante sempre co mesmo profesional para cada usuario e con todas as medidas de seguridade.
Os dirixentes locais insisten na aposta do seu goberno polo desenvolvemento de proxectos de marcado carácter social como o Habilitas, que busca integrar ás persoas con discapacidade na vida cotiá, ofrecéndolles oportunidades para o desfrute de recursos en comunidade e aumentar a súa autonomía persoal e autoestima.
Relacionadas:
-
Persoas con discapacidade funcional aprenden a facer compras básicas en Cuntis
Por Redacción |
-
O programa social 'Habilitas fogar' do Concello de Cuntis recibe unha axuda da Deputación
Por Redacción |
-
O servizo de Atención Temperá de Cuntis contratará fisioterapeuta, logopeda e psicopedagoga
Por Redacción |
-
Cuntis continuará co programa "Habilitas fogar" dirixido a persoas con discapacidade intelectual
Por Oskar Viéitez |