Corenta novos contaxios nun día elevan a 308 os casos activos por COVID-19 en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Sen freo. Así parece avanzar a segunda onda da COVID-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, a xulgar polos datos de contaxios que, en apenas 24 horas, elevaron a 308 os casos activos por coronavirus. Sanidade confirmou 40 novos infectados.
Segundo o balance oficial do Servizo Galego de Saúde, a área sanitaria ten sete pacientes hospitalizados con COVID-19. Seis están en planta no Complexo Hospitalario de Pontevedra e un está ingresado na UCI de Montecelo.
Non hai pacientes infectados nin no Hospital do Salnés nin no hospital Quirón Saúde Miguel Domínguez de Pontevedra.
Os outros 301 casos activos reciben seguimento nos seus respectivos domicilios. Desde o inicio do plan de continxencia da COVID-19 curáronse 1.022 pacientes, once deles nas últimas 24 horas, e faleceron 18 pacientes na área sanitaria.
En canto a realización de probas PCR, desde onte realizáronse 426, que se engaden ás 29.439 xa efectuadas desde o inicio da pandemia en Pontevedra e O Salnés.
A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, segundo a última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.137, o que supón 55 máis que o día anterior.
Deles, 1.446 son da área da Coruña, 804 da de Lugo, 417 da de Ourense, 308 da de Pontevedra, 337 da área de Vigo, 677 da de Santiago e 148 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 17 están en UCI, 177 en unidades de hospitalización e 3.943 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 13.438 persoas curadas, rexistrándose 656 falecementos. O número de PCR realizadas é de 359.055.
Relacionadas:
-
Oito pacientes hospitalizados -un na UCI- e 323 casos activos por COVID-19 en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Ningún mestre de Pontevedra deu positivo por COVID-19 nos test previos ao inicio do curso
Por Alejandro Espiño |
-
Alerta na Lama ante o primeiro positivo por COVID-19 no centro penitenciario
Por Alejandro Espiño |
-
Un bebé de apenas un mes, o paciente máis novo con COVID-19 en Pontevedra
Por Redacción |
-
Descenden os pacientes con coronavirus hospitalizados mentres se detectan outros 16 contaxios nunha xornada
Por Natalia Puga |