Oito pacientes hospitalizados -un na UCI- e 323 casos activos por COVID-19 en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Tras moderarse en áreas moi afectadas en semanas pasadas como A Coruña, Lugo ou Santiago, a incidencia da COVID-19 segue á alza en Pontevedra. Nos últimos cinco días, os casos activos pasaron de 233 a 323, que son os rexistrados este domingo. Son quince máis que onte, despois de detectar 23 infectados máis e recuperarse oito.
A pesar diso, desde o Servizo Galego de Saúde insisten en que se trata de casos illados e non confirman ningún brote concreto na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
A área sanitaria ten oito pacientes hospitalizados con COVID-19, un máis que no último balance oficial realizado hai 24 horas. Sete están en planta no Complexo Hospitalario de Pontevedra e un está ingresado na UCI de Montecelo.
Non hai pacientes infectados nin no Hospital do Salnés nin no hospital Quirón Saúde Miguel Domínguez de Pontevedra.
Os outros 315 casos activos reciben seguimento nos seus respectivos domicilios. Desde o inicio do plan de continxencia da COVID-19 curáronse 1.030 pacientes, oito deles nas últimas 24 horas, e faleceron 18 pacientes na área sanitaria.
En canto a realización de probas PCR, desde onte realizáronse 299, que se engaden ás 29.738 xa efectuadas desde o inicio da pandemia en Pontevedra e O Salnés.
A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, segundo a última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.175, o que supón 38 máis que o día anterior.
Deles, 1.424 son da área da Coruña, 810 da de Lugo, 429 da de Ourense, 323 da de Pontevedra, 344 da área de Vigo, 688 da de Santiago e 157 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 17 están en UCI, 187 en unidades de hospitalización e 3.971 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 13.649 persoas curadas, rexistrándose 659 falecementos. Os tres últimos, todos eles en Lugo. O número de PCR realizadas é de 363.957.
Relacionadas:
-
Pontevedra xa supera a Vigo en pacientes COVID tras detectar 33 novos contaxios
Por Alejandro Espiño |
-
Trinta e tres novos contaxios elevan a 343 os casos activos por COVID-19 en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Ningún mestre de Pontevedra deu positivo por COVID-19 nos test previos ao inicio do curso
Por Alejandro Espiño |
-
Desactivan o protocolo COVID na Lama tras dar negativo o interno na segunda PCR
Por Redacción |
-
Corenta novos contaxios nun día elevan a 308 os casos activos por COVID-19 en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |