As garderías de Sanxenxo comezan o curso con 96 nenos e un estrito protocolo anti covid
Por Redacción
As garderías municipais de Sanxenxo retomaron este luns a actividade, enmarcada nun estrito protocolo anti Covid, con 96 nenos, 60 no Revel e 36 no Tombo. En ambos os centros refórzanse este curso as quendas de limpeza e pásase dunha a dúas educadoras de referencia por aula para extremar a seguridade sanitaria.
Os nenos contan cun calzado e unha peza exterior que só se empregará no centro educativo, do mesmo xeito que os mandilóns que serán lavados na escola para evitar o contacto exterior. Unha medida que tamén cumpren as educadoras con roupa e calzado que non sairá da escola.
A concelleira de Educación, Paz Lago, acudiu aos dous centros para supervisar o arranque do curso. "Queremos que as familias deixen tranquilas aos seus fillos nas escolas municipais polo que extremamos todas as medidas de seguridade posibles nos dous centros. As direccións das escolas e o Concello puxemos en marcha o protocolo seguindo as instruccións marcadas dende a Xunta para garantizar unha volta segura", asegura.
A ampliación do número de entradas é outra das claves deste protocolo.
No caso do Revel, as familias contarán con cinco entradas diferentes para cada aula. Deste xeito, nin nenos nin familias van aglomerar nos accesos ao centro e só terán contacto coa súa aula e as súas educadoras. No caso do Tombo pasarase dunha a tres entradas. O centro solicitou esta ampliación durante a rolda de visitas aos colexios municipais e o Concello prevé a instalación das dúas portas de aluminio nos próximos días. Nas entradas, as educadoras toman a temperatura de cada neno diariamente antes de acceder ás aulas.
En canto ao número de clases, no Revel, teñen este curso 1 aula de 0 a 1 ano, con seis nenos; 2 aulas de 1 a 2 anos con 26 nenos; 2 aulas de 2 a 3 anos, de 15 e 12 nenos. No Tombo, 0 a 1 anos, catro alumnos; 1 a 2 anos, trece e de 2 a 3, 19 nenos.