Rescatan 28 cachorros de catro camadas nas últimas dúas semanas
Por Redacción
A actividade do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra está a ser frenética nesta recta final do verán. Nas últimas dúas semanas recolleron ata 28 cachorros, repartidos en catro camadas, en Salvaterra, A Cañiza e Meaño.
As crías, cuxas idades oscilan entre o mes e os dous meses, estanse a recuperar nas instalacións da Armenteira, na nova zona de maternidade que estreou a principios de agosto.
A primeira das camadas de sete cachorros foi recollida en Salvaterra o 18 de agosto. Os catro machos (Medo, Salvo, Salvado e Savo) e tres femias (Meda, Sava e Salvada) foron atopados coa súa nai Medai en condicións críticas, con diferentes patoloxías e moi débiles.
Están a evolucionar de xeito favorable. Teñen agora dous meses de idade e están conseguindo saír adiante cara súa futura adopción, que non poderá ser efectiva ata ter completado o seu cadro de vacinacións.
O día 24 o CAAN rescatou a outros dez cachorros dunha zona de moi difícil acceso nun monte da Cañiza, despois do aviso dun particular.
Neste caso, non se puido recoller nesa xornada á nai e os catro canciños e seis cadeliñas están a evolucionar moi ben, a pesar de seren recollidos con apenas un mes de idade. Trátase de Astra, Cana, Corsa, Saura, Landra, Algrava, Barrilo, Ouro, Mercurio e Granito.
Outras dúas camadas de cinco e seis cachorros foron recollidas o 2 de setembro en Meaño, a segunda delas coa súa nai.
Perla, que así se chama esta última cadela, está a recuperarse nas instalacións da Armenteira xunto a seus dous cachorros Per e Perlo e as súas catro cadeliñas (Perlona, Perlina, Perniña e Rula), que se calcula que teñen apenas un mes de idade.
Doutra banda, a camada de cinco cachorros recollida na mesma xornada está formada por cinco machos, Jalo, Benson, Toyo, Gudel e Rock, e o persoal do CAAN calcula que teñen mes e medio.
O contrapunto destas recollidas de animais abandonados está no excepcional ritmo de adopcións que está a acadar o CAAN este ano. Ata hoxe foron xa 352 os cans e cadelas que desde o centro atoparon un novo fogar non só na provincia, senón en distintos puntos da xeografía galega e española e mesmo en Portugal.
A cifra está xa próxima ao récord de adopcións logrado o pasado ano, dun total de 466, de xeito que incluso podería superarse a previsión de 500 adopcións que se mantiña para 2020.
A meirande parte destas adopcións (310) realizáronse por cidadáns de Galicia, aínda que doce cans atoparon novo fogar en Portugal e os restantes 30 animais viaxaron a outras comunidades como Asturias, Castela e León, Castela A Mancha, Cataluña, Navarra, Madrid e Andalucía.
No que respecta ás adopcións en Galicia, a maioría (245) formalizáronse na provincia de Pontevedra, pero 45 foron realizadas por persoas de Lugo e 19 en A Coruña. Dentro da provincia pontevedresa, a maioría dos cans foron adoptadas por cidadáns de Vigo (28) e Pontevedra (27), seguidos por A Estrada (15), Meis (14) e Sanxenxo (13).
Relacionadas:
-
Rescatan unha cadela en Bora: "A pena é que quedaron dous máis"
Por María José Pita |
-
O CAAN supera as 500 adopcións no que vai de ano
Por Redacción |
-
O CAAN bate o seu récord anual de adopcións
Por Redacción |
-
RADIO.- Podcans: Como axudar ao teu can para levar mellor o envellecemento
Por Redacción |
-
O CAAN súmase ao Día Mundial dos Animais cunha campaña de concienciación
Por Redacción |
-
Un verán con bo ritmo de adopcións no CAAN: 57 en xullo, 62 en xullo e 24 no que vai de agosto
Por Redacción |
-
A Deputación inaugura as remocicadas instalacións da CAAN cos mellores datos de adopcións ata a data
Por Redacción |
-
'Os avós' do CAAN, Apro e Coqui, atopan un fogar despois de seis e catro anos no centro de acollida
Por Redacción |