O positivo dun operario que traballou con persoal asistido desata a alerta na Residencia de Maiores de Campolongo
Por Anxo Lourido
A consellería de Política Social confirma que unha planta da Residencia de Maiores de Campolongo se atopa illada porque nas últimas horas un traballador deu positivo nunha das probas e sinala que se vai a someter a PCRs tanto ao persoal como aos situados nesta planta.
Trátase da planta de Persoal Asistido, usuarios que precisan dunha especial atención. O operario que deu positivo contaxiouse no seu ámbito familiar e realizaba unha substitución durante uns días como auxiliar de Enfermería, escollido a través das listas de contratación da Xunta de Galicia.
Dina Porral, secretaria do comité de empresa, sinala que esa planta leva nese estado de illamento desde que comezou a pandemia e que se cumpren todos os protocolos a diario para atender aos usuarios ao tratarse de persoas con patoloxías previas.
"Tomáronse as medidas oportunas", segundo a información que a delegación de Política Social transmitiu ao comité de empresa, sinalan. Vanse realizar as probas, pero non hai ninguén en corentena especial porque non se produciu contacto directo algún entre a persoa que ofreceu resultado positivo cos usuarios, afirma Dina Porral.
"Hai preocupación porque hai brotes en toda Galicia", apunta a representante sindical da CIG na Residencia de Maiores de Campolongo, pero indica que non están especialmente tensos por este caso.
Desde UXT van máis aló. Apuntan a que durante a xornada do luns só o 30% do persoal da Residencia se atopaba operativo porque o 70% decidiu asumir a corentena ao producirse casos positivos nos seus ámbitos familiares. Esta situación afectou tanto a auxiliares de Enfermería como a persoal da cociña. Fontes sindicais confirman que tres operarios foron os encargados de facer fronte a todos os residentes do centro. Este martes, a Xunta remitiu catro traballadores máis para cubrir aos profesionais que se atopan en corentena.
Este sindicato indica que os operarios están a afrontar grandes cargas de traballo sen que desde Política Social se amplíe o cadro de persoal para responder con garantías perante esta nova onda de casos Covid-19 en Galicia.
Relacionadas:
-
Os casos activos por COVID-19 crecen ata os 379 na área sanitaria de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra xa supera a Vigo en pacientes COVID tras detectar 33 novos contaxios
Por Alejandro Espiño |
-
Os traballadores públicos dependentes de Política Social dan tregua ás súas protestas ata o mes de setembro
Por Redacción |