Comeza a pavimentación do vial Freixeiro-Magaláns, en Dorrón
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo comezou as obras de pavimentación do vial Freixeiro-Magaláns, na parroquia de Dorrón.
Os traballos teñen un orzamento de 44.399 euros e serán realizados pola empresa Nemesio Ordóñez S.A.
Desde o Goberno local enmarcan esta obra dentro do plan para mellorar a rede municipal de estradas, reparando as estradas e pistas, e asfaltando as que se atopan en terra. A obra acóllese ao Plan Marco de Mellora de Camiños Municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e será o Concello o que asuma o IVE.
O proxecto contempla a mellora da pavimentación do camiño de titularidade municipal que está nun avanzado estado de deterioración, polo que realizará unha renovación completa da capa de rodadura.
Previa á pavimentación, executaranse unhas tiras de ensanche con base de saburra artificial, para aproveitar a plataforma existente completa, dado que o camiño é moi estreito en todo o seu trazado. Tamén se colocarán uns salvacunetas con tubaxe de PVC. Para a pavimentación definitiva estenderase e compactará unha capa de rodadura de mestura bituminosa en quente. Existen zonas máis deterioradas, que será necesario regularizalas antes de proceder ao pavimentado, tamén con mestura bituminosa en quente.
Con estes traballos preténdese mellorar o servizo que ofrece o camiño, pois é un vial moi utilizado polos veciños da zona. Para a execución das obras estímase un prazo dun mes, que inclúa a preparación e execución das obras.