Bigotes felinos de Poio concita a persoas voluntarias do municipio que iniciaron unha serie de accións para conseguir que o Concello apoie economicamente a implantación dun proxecto CES (Captura, Esterilización e Solta) entre as colonias de gatos que viven na rúa. Sara Gómez e Belén Iglesias, son as dúas portavoces que explican a iniciativa no Cara a cara.
Desde hai tempo, sen un nexo de unión entre eles, encargábanse en maior ou menor medida, de captar a estes animais, realizar esterilizacións e soltalos de novo para evitar que estas colonias felinas proliferasen. Con todo chegou un momento en que "nos vimos desbordados" e xa resultaba insostible para os seus petos.
Explican en PontevedraViva Radio que desde marzo, "xusto antes do confinamento" empezaron a contactar e agora teñen aberto un perfil de Facebook e Instagram para difundir as súas xestións e que sirva de contacto para máis veciños de Poio que tamén estean interesados en colaborar con esta causa.
Ao tempo, agardan que o goberno local, concretamente a área de Medio Ambiente municipal de Poio, as reciba para expoñer a situación e que colaboren. De igual maneira están a recoller firmas para avalar co respaldo veciñal a súa intención.