A implantación da Zona Azul en Marín debatirase no pleno deste xoves
Por Redacción
Este xoves 10 desenvolverase o pleno municipal de Marín no que haberá un punto estrela a debate, o da implantación dunha Zona de Estacionamento de Horario limitado en diversas rúas da vila.
A ordenanza foi aprobada na comisión informativa e esta zona azul, se non xorden sorpresas, será aprobada tras o debate plenario. A proposta ampliou o tempo de estacionamento a dúas horas, unha medida adoptada atendendo ás novas circunstancias provocadas pola pandemia que obriga ás persoas que acoden ao centro para facer compras someterse a máis tempo de espera nos establecementos.
O horario para estas zonas é de 08.00 horas ata as 20.00 horas de luns a venres cunha pausa desde as 14.00 ás 16.00 horas, mentres que os sábados aplicarase de 08.00 a 14.00 horas.
Os vehículos que se atoparán excluídos desta limitación serán, entre outros, os de servizos asistenciais, de emerxencia ou seguridade cidadá sempre que conten cunha autorización visible e vehículos oficiais.
A Policía Local encargarase do cumprimento desta ordenanza a través da ferramenta Mcam, cun programa con capacidade de xeolocalización. O programa recoñece as matrículas que superen o límite de dúas horas máximas.
O BNG xa manifestou que solicitará a retirada desta proposta de ordenanza municipal. Entenden que é unha medida improvisada e que terá consecuencias negativas para Marín. Sinalan que non se crearán novas zonas de aparcamento disuasorio e castígase á veciñanza da vila que carezan de praza de garaxe.
Indican, desde a formación nacionalista, que se eliminaron prazas de aparcamento nos últimos meses e que as persoas que se desprazan a Marín por traballo non poden cambiar o vehículo de lugar cada dúas horas. Reclaman a creación de espazos peonís para potenciar ao comercio local en lugar de potenciar a densidade de tráfico con movemento de coches en busca de lugares de aparcamento.
Relacionadas:
-
Marín aumenta a área de estacionamento no cemiterio de Santomé
Por Redacción |
-
A oposición de Marín non apoiará a zona de aparcamento comercial "ata que se recuperen as prazas suprimidas"
Por Redacción |
-
O pleno aprobará este xoves a implantación da zona azul gratuíta en Marín
Por Redacción |
-
Marín aumenta a dúas horas o tempo máximo na próxima zona de estacionamento horario limitado
Por Redacción |
-
Haberá zonas azuis gratuítas para limitar o tempo de aparcamento en Marín
Por Alejandro Espiño |