Medio Natural roza a vella pasarela de 12 de Novembro para construír un parque o próximo ano
Por Redacción
O Concello de Pontevedra pon en marcha o acondicionamento da vella pasarela de 12 de Novembro co obxectivo de preparar a parcela para a construción dun parque de uso público. Os operarios encárganse estes días da limpeza e a eliminación de plantas invasoras axudados dun tractor rozadora.
O departamento de Medio Natural espera que esta actuación, valorada en 2.000 euros, sexa a antesala do proxecto que permita reabrir unha parcela de 5.500 metros cadrados.
O responsable desta concellería, Iván Puentes, lembra que, de forma paralela, o Concello está a deseñar unha proposta que incluirá o tratamento paisaxístico das medianeiras de Santa Teresa de Jesús Jornet mediante unha barreira vexetal así como da conexión desta praza cos xulgados e 12 de Novembro a través da rúa das Hortas.
"A principal demanda dos veciños pasa por darlle unha saída cara o novo edificio xudicial e o futuro parque da pasarela”, explica o edil socialista.
O proxecto recolle tamén a mellora do tránsito peonil e a accesibilidade en 12 de Novembro, que actualmente carece de beirarrúas e obriga aos viandantes para circular pola calzada ou a cruzar a rúa.
Desde o Concello esperan que as obras para permeabilizar Santa Teresa de Jesús Jornet e Francisco Tomás e Valente, así como a construción dun espazo natural equipado con xogos populares, árbores e zonas de descanso, estean en marcha a principios do próximo ano.