Caldas aborda novas estratexias de dinamización urbana e económica
Por Redacción
O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, xunto co edil de Medio Ambiente e Obras, Manuel González, e o responsable de Comercio, Jacobo Pérez, mantiveron este mércores unha reunión co arquitecto redactor do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) de Caldas de Reis, Luciano Alfaya, que tivo como obxectivo abordar as diferente estratexias xerais de aplicación deste proxecto para contribuír á potenciación económica e urbana do municipio.
Como sinalou o rexedor "a xuntanza foi moi proveitosa e serviu para sentar as bases a través das que impulsar integralmente a rexeneración e renovación urbanas e a dinamización económica, comercial e turística coa xeración de novos centros de actividade".
No encontro abordouse o estudo preliminar que está elaborando o Concello para a humanización da praza Sesto Casal, situada na parte traseira da Praza de Abastos, así como da rúa Bermaña que transcorre á beira deste río polo casco urbano. O obxectivo do goberno é o de humanizar estes espazos públicos de cara o futuro mediante a racionalización dos espazos de estacionamento e o impulso da mobilidade peonil.
Doutra banda, tratouse a peonalización progresiva do casco urbano tal e como se establece no PMUS. A proposta a desenvolver pasa polo fomento da mobilidade a pé das tres rúas que conflúen no centro da vila: Igrexa, Laureano Salgado e Porto do Río. Ao mesmo tempo, estas iniciativas irían da man da posta en valor e mellora de espazos urbanos céntricos como o Campo da Torre e a Prazuela, entre outros.
Por último, analizáronse as distintas posibilidades de financiación destas actuacións a través de axudas de plans comunitarios, estatais, autonómicos e provinciais destinados á mellora ambiental e ao fomento dunha mobilidade urbana que teña como prioridade as persoas. A estratexia executarase en cada caso en estreita coordinación cos proxectos desenvolvidos e a desenvolver no futuro dentro das achegas da Area de Rehabilitación Integral (ARI) de Caldas de Reis.
O goberno municipal ten entre as súas prioridades o impulso e potenciación do casco urbano dende o punto de vista comercial e turístico mediante a creación de novos centros de actividade e interese social, a mellora da habitabilidade das vivendas e das condicións de vida das persoas residentes e o espazo público, tendo sempre como horizonte os criterios de sustentabilidade e as liñas de actuación marcadas no PMUS.