Farán 200 probas PCR aleatorias semanais ao alumnado da Universidade de Vigo
Por Oskar Viéitez
A Universidade de Vigo realizará nas vindeiras semanas probas PCR mediante saliva a todo o seu persoal. Serán arredor de 3000 persoas as que se someterán a estes test, incluíndo o persoal de administración e servizos, o docente e investigador e todas as demais modalidades de contratos de investigación.
As probas levaranse a cabo empregando o innovador test masivo PCR sobre a saliva baseado no sistema pooling desenvolvido na Fundación Biomédica Galicia Sur e no Hospital Álvaro Cunqueiro coa colaboración de Jacobo Porteiro, investigador da Escola de Enxeñería Industrial e do Cintecx.
Este método, que está xa a empregarse desde o pasado mes de maio, permite analizar nun único test as mostras de varios cidadáns, multiplicándose así a capacidade de avaliación.
Consiste en agrupar as mostras de diferentes persoas e procesalas xuntas, como se fosen as dun só individuo e, se o resultado do procesamento da mostra resultante é negativo, infírese que cada unha das mostras orixinais son tamén negativas, co que se aforra o tempo e capacidade que conlevaría o estudo individual de cada unha das mostras orixinais.
No caso de que o resultado global sexa positivo, o que se fai é separar as mostras para volvelas procesar, ben dividindo o conxunto total en fraccións máis pequenas ou ben analizando cada unha delas de xeito individual.
A realización dos test vai coincidir coas datas do inicio do curso académico e, en función das capacidades de análise da Fundación Biomédica, levaranse a cabo ao longo de todo o mes e poderán concluír nas primeiras semanas de outubro.
Avisarase a cada persoa sobre cando debe realizar a proba cun par de días de antelación. En total recibirán o aviso arredor de 2180 membros do PDI e do PAS, 200 persoas contratadas con cargo ao capítulo I dos orzamentos (predoutoramento, con financiamento da Xunta de Galicia ou do Estado) e arredor de 500 do capítulo VI (contratados con cargos a proxectos ou programas de investigación con financiación allea).
200 PCR POR SEMANA, PRINCIPALMENTE PARA O ALUMNADO
Tras esta avaliación inicial, o equipo de goberno ten previsto levar a cabo un seguimento periódico que se prolongará durante todo o curso. A idea é realizar un total de 200 PCR por semana, neste caso centradas principalmente no alumnado.
Segundo se explica desde a Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade, mentres non existan casos positivos os controis serán aleatorios, de xeito que as probas se repartirán entre os distintos centros e se nomearán as persoas chamadas cada semana.
No caso de que a universidade teña coñecemento de que se confirmou algún positivo por covid-19 nalgún centro, utilizaranse estas probas semanais para afondar no estado da saúde das persoas en contacto estreito (fundamentalmente do mesmo curso) para poder ser máis rápidos se fose preciso tomar algunha medida específica, como pasar un curso, un grupo, unha titulación ou un centro á fase de non presencialidade durante dúas semanas.
Nese caso, durante o tempo que dure esa situación, as clases seguirán o previsto nas guías docentes para o escenario de confinamento, continuando a docencia usando Campus Remoto e MooVi-Faitic.
PROCEDEMENTO A SEGUIR
O procedemento que se vai seguir para a realización das probas PCR comezará co aviso individualizado por SMS e por correo electrónico das datas de recollida dos tubos nas conserxerías.
Cada persoa levará o kit para a casa e, unha vez tomada a mostra, entregarase de novo no centro de traballo. Neste proceso vai ser preciso descargar unha aplicación móbil que permitirá, de xeito totalmente anónimo, facer o seguimento dos casos e a comunicación dos resultados.
Relacionadas:
-
Fisioterapia e Belas Artes, as primeiras facultades do campus en facer PCR ao alumnado
Por Redacción |
-
A Universidade de Vigo inicia as probas PCR aleatorias ao seu alumnado
Por Oskar Viéitez |
-
Román Rodríguez: "A volta ás aulas é un reto de país"
Por Oskar Viéitez |
-
Os universitarios regresan ao campus seis meses despois do inicio da pandemia
Por Redacción |
-
O curso arrancará na Universidade de Vigo coa estrea dun novo portal de teledocencia
Por Oskar Viéitez |