A urbanización do Revel, pendente da aprobación do pleno de Sanxenxo para a súa licitación

Por Redacción
O Concello de Sanxenxo acollerá este venres unha sesión plenaria extraordinaria para a aprobación definitiva do estudo para o axuste de rasantes e urbanización da zona de O Revel. Trátase dun trámite que xa superou a exposición pública e afronta agora un dos últimos pasos antes de executar este proxecto que afecta á localidade de Vilalonga.
Valorada en 1,25 millóns de euros, esta obra, finnanciada polo Plan Concellos 2020 da Deputación e fondos municipais, é clave para a recepción do colexio que se atopa en construción. O insuficiente espazo para os accesos ao colexio fixeron que o Concello activase este plan que inclúe a implantación dun vial principal e dous secundarios, así como o acondicionamento de aparcamentos, espazos públicos libres e todos os servizos de abastecemento e saneamento.
Aínda que é o principal, non se trata do único punto da orde do día do pleno. A corporación tamén analizará a proposta de alcaldía de adherir a Sanxenxo á rede de concellos "Ágora polo espazo público". Unha iniciativa posta en marcha polo goberno provincial que aposta pola humanización das vías públicas.