O PSOE de Sanxenxo rexeita o plan do Concello de transferir a xestión dos campos de fútbol aos clubs locais
Por Redacción
A intención do goberno local de Sanxenxo de transferir a xestión dos campos de fútbol municipais aos clubs de fútbol locais non foi ben recibida no principal partido da oposición. A portavoz do PSOE, Ainhoa Fervenza, considera que "a razón de ser das instalacións deportivas públicas é fomentar o deporte. Que Telmo pretenda agora librarse dos gastos que xeran e cargarllos aos clubs é deshonesto".
Os socialistas están de acordo en esixir que os usuarios ciuden as instalacións e en evitar gastos innecesarios, pero "haberá que buscar unha solución intermedia para facerlle cumprir as súas obrigas sen necesidade de transferirlle a xestión integral dos mesmos. Como van pagar a luz ou a auga os clubs? ¿Quen vai asumir a reparación das avarías que se poidan producir?", pregúntase Fervenza.
Outro inconveniente que atopan os socialistas a este proxecto é que "ademais de afogar economicamente aos clubs, xeraría conflito e malestar entre eles. É como poñer unha casa de cultura en mans de unha única asociación", ilustra a socialista.