Caldas cumpre co tratamento anual para previr a praga do picudo nas palmeiras
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis non descansa na protección de "un dos maiores símbolos de identidade da nosa vila", segundo sinala o propio alcalde Juan Manuel Rey.
Trátase das palmeiras xa centenarias nalgún caso que adornan o centro da localidade, e que estes días foron obxecto de actuación cumprindo co tratamento anual que se lles dá a estas árbores para protexelas contra a praga do picudo vermello.
Este escaravello, que nos últimos anos estendeuse por toda a comunidade, supón un grave perigo para as palmeiras, ás que adoita ocasionar a súa morte.
A actuación foi levada a cabo pola empresa especializada Emdesfor S.L, consistente na combinación dunha ducha de insecticida sistémica coa inxección no sistema vascular das plantas dun insecticida que se estende pola súa totalidade, actuando sobre aqueles posibles insectos que se alimentan dela.
O tratamento desenvólvese en tres fases ao longo do ano coincidindo co período de actividade do picudo, cun calendario fixado desde a Estación Fitopatolóxica de Areeiro.
Ademais da loita contra as pragas, tamén se realizaron podas de saneamento co obxectivo de eliminar follas secas e danadas.
O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, que tamén exerce como deputado provincial responsable da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, puxo de relevo a preocupación continua pola conservación do patrimonio botánico da vila, subliñando "o coidado permanente que se aplica sobre as palmas desde hai moitos anos, o que nos permitiu no seu momento detectar anticipadamente o picudo vermello e controlalo a tempo para salvar o conxunto".