O Concello cre que o novo acceso a Monte Porreiro "poderá estar rematado en febreiro"
Por Redacción
O Concello de Pontevedra estima que a vía de acceso ao barrio de Monte Porreiro, dende a antiga Tafisa e a través dos Campos, na parroquia de Mourente, "estará operativa a primeiros de 2021".
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, realizou durante a mañá deste venres unha revisión do proxecto acompañado do concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, técnicos municipais e responsables da empresa construtora, Construcciones Ramírez. Durante a visita comprobaron que "os labores avanzan a bo ritmo, de tal xeito que a vía podería estar rematada antes de febreiro".
O alcalde explicou que "neste momento existen complicacións ao respecto da reposición de servizos de telefonía e de electricidade, pendentes de autorizar polo propio Concello, pero xa está aberto todo o trazado da estrada dende Tafisa até os Campos".
Tamén recordou que esta nova conexión "supón un campo substancial na mobilidade a motor e peonil da cidade, ofrecendo unha alternativa máis ao barrio de Monte Porreiro, que se vén a sumar á Ponte das Palabras.
A nova estrada de acceso a Monte Porreiro será de 605 metros, terá dous carrís de tráfico, de 2,5 metros de ancho cada un, e unha beirarrúa ao carón das vivendas cun mínimo de 1,5 metros, e incluirá os parámetros de calmado de tráfico e de vía urbana con preferencia da mobilidade peonil e ciclista propios do modelo Pontevedra.
Así mesmo, a execución deste proxecto inclúese dentro do convenio asinado coa Deputación de Pontevedra mediante o cal o organismo provincial se ocupou da expropiación dos terreos e o Concello asume o compromiso da execución da obra. Así, o orzamento do vial ascende a 1.137.280,50 euros, mentres que se lle suman as expropiacións o orzamento total sitúase en 1.576.674 euros.
Por último, o Concello lembra que estas obras contemplan unha intervención integral na zona dos Campos, que implica a reordenación de toda a área para mudar o actual tratamento de cruzamento nunha zona con carácter de praza pública.
Relacionadas:
-
Aberto o novo vial entre Tafisa e Os Campos, primeiro paso para reducir o tráfico no paseo polo río a Monte Porreiro
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
"Atrancos" de Telefónica e Fenosa complican o novo acceso a Monte Porreiro
Por Alejandro Espiño |
-
Os socialistas deseñan un plan para completar a humanización de Monte Porreiro
Por Redacción |
-
Comeza a obra do novo acceso a Monte Porreiro
Por Oskar Viéitez |