O PP de Poio acusa ao Concello de "espolio fiscal" aos veciños
Por Redacción
O Partido Popular de Poio acusa o goberno local de levar a cabo un espolio fiscal aos veciños do municipio. O concelleiro popular responsable da área económica, Sergio Pereira, denuncia que o tripartito ingresou no último ano o dobre na recadación de plusvalías do previsto inicialmente. "Non é normal que tiveran previsto cobrar 125.000 euros e cobrasen aos veciños de Poio 309.203 euros. Hai unha nefasta xestión de previsión e un espolio fiscal en toda regra", denuncia.
Lembra Pereira que este tributo é un imposto que os Concellos poden decidir se cobralo ou non e que os populares levaban no seu programa a supresión do mesmo como xa fixeron outros municipios.
Os populares fan referencia na súa denuncia a un estudo realizado por Rede Localis no que, segundo eles, Poio está situado na franxa máis elevada da presión fiscal en Galicia. "É intolerable", sostén Pereira, lamentando por outra banda os poucos servizos e investimentos municipais que o Concello pon ao dispor dos seus veciños.