O Cristo da Boa Viaxe abandona a porta lateral da Basílica
Por Oskar Viéitez
Pontevedra amenceu este sábado sen a icónica imaxe do Santo Cristo da Boa Viaxe xunto á porta lateral sur da Real Basílica.
A diferenza do que aconteceu na Saga/Fuga de J. B., a novela na que Torrente Ballester convertía á cidade do Lérez en Castroforte de Baralla, este sábado non se viron fregueses de Santa María a Maior vociferando: "Veciños, veciños, roubaron o Corpo Santo!", alertados pola desaparición da súa estimadísima talla.
Trátase dunha acción promovida desde a propia comunidade parroquial a fin de remarcar os obxectivos do novo curso pastoral. A imaxe atópase no interior do templo para formar parte dos actos do Triduo de Exaltación da Santa Cruz e a festa da nosa Señora das Dores.
Existe a tradición oral de que, en tempos antigos, os pescadores encomendábanse cada mañá, antes de saír a faenar, ao Santo Cristo da Boa Viaxe, pedindo o seu amparo para unha boa travesía. En realidade, a súa historia é algo máis prosaica: a talla foi colocada xunto á porta lateral en 1831, presidindo a antiga necrópole parroquial e como expresión do Cristo da Boa Morte, en referencia á viaxe definitiva.
Dita advocación perdeu parte do seu significado orixinal logo de que este cemiterio, así como o de San Bartolomé "o vello" fosen trasladados, por cuestión de hixiene, nos arredores da cidade, coa creación dos cemiterios da Eiriña e, posteriormente, de San Mauro.
A mediados do século XX, abriuse o camarín pechado do Santo Cristo da Boa Viaxe, substituíndo as súas paredes por unha pequena balaustrada de forxa; con todo, varios actos de vandalismo sobre esta talla de madeira de castiñeiro con policromía ao óleo (entre pintadas e un conato de incendio), obrigaron á comunidade parroquial a colocar o actual enreixado, fai apenas un par de décadas.
Relacionadas:
-
Expectación por coñecer o novo aspecto do Cristo da Boa Viaxe
Por María José Pita |
-
O Cristo da Boa Viaxe vaise de vacacións de verán
Por Redacción |
-
Un sudario de máscaras cirúrxicas para o Cristo da Boa Viaxe
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Catro meses de traballos de restauración para acabar coas humidades na basílica de Santa María
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |