O BNG asegura que a Xunta pretende converter a Caldas no "gran vertedoiro do sur de Galicia"
Por Oskar Viéitez
O portavoz municipal do BNG en Caldas de Reis, Manuel Fariña, denunciou a pretensión da Xunta de autorizar a construción dunha planta de tratamento de residuos e un "macro vertedoiro" no que depositar preto de 2 millóns de toneladas de residuos no coto mineiro de Godos.
Para Manuel Fariña isto "pon de manifesto a intención do Partido Popular de converter ao noso concello na capital dos residuos do sur de Galiza".
O Bloque califica esta proposta de "ataque frontal" da Xunta "contra o interese xeral" da veciñanza de Godos, Saiar e do Concello de Caldas de Reis, "pois trátase dun proxecto altamente nocivo que contaminará de xeito irreversible o solo e os acuíferos dunha zona na que, segundo indica o informe de Augas de Galicia, se atopan tanto a cabeceira do rego de Calcote (afluente do Umia) como tres concesións de auga para uso doméstico e unha concesión de rega".
"Non permitiremos que a Xunta pretenda traer os residuos do sur de Galiza á porta das veciñas e veciños de Caldas" afirmou o portavoz municipal do BNG. "Non estamos dispostos a permitir que Caldas pague os pratos rotos da nefasta política medioambiental da Xunta do PP" sentenciou Manuel Fariña.