Moraña acomete a renovación das vías internas do polígono de Afieiras
Por Redacción
O Concello de Moraña acaba de acometer a renovación de gran parte da rede viaria dos seus polígonos industriais, posto que ao longo destes días procedeu ao reasfaltado e mellora da sinalización nas vías internas do parque de Afieiras e xa ten proxectada a do acceso principal ao complexo empresarial de Mirallos a través do campo de fútbol e das piscinas municipais.
A principal actuación executouse en Afieiras, onde melloráronse as súas tres rúas, que contaban cun firme bastante deteriorado ao soportar unha elevada carga de tráfico, especialmente pesado, nos últimos anos. Neste espazo procedeuse ao fresado, reasfaltado, limpeza de cunetas, pintado de pasos de peóns e sinalización vertical para favorecer a fluidez da circulación e incrementar a seguridade dunha zona que tamén rexistra bastantes peóns.
En concreto, remodeláronse as súas tres vías internas, que teñen unha lonxitude de 217, 167 e 165 metros, respectivamente, actuando nunha superficie global de 5.590 metros cadrados e nas que se manteñen as beirarrúas de 2 metros de anchura e os carrís de aparcamento con 2,4 metros.
Por outra banda, no polígono de Mirallos vaise acometer o cambio do firme e o pintado de toda a sinalización horizontal no seu acceso principal, xa que presenta bastantes deficiencias. Así, para mellorar a seguridade nesta pista, que chega ata a nave e o almacén do Concello, actuarase nos seus 106 metros de lonxitude e os seus 878 metros cadrados de superficie.
Este proxecto, no que se invisten 77.000 euros co cofinanciamento da Consellería de Economía e Industria e que beneficia a catro viais de 655 metros, favorece o tránsito e a seguridade nas dúas contornas empresariais, que suman case 19 hectáreas e acollen a 7 empresas e recintos e equipamentos municipais.