Unha colisión entre dous turismos en Bueu sáldase cunha muller ferida
Por Redacción
Unha muller precisou ser excarcerada despois de producirse unha colisión entre dous turismos na PO-551, á altura do punto quilométrico 12, no termo municipal de Bueu.
O sinistro tivo lugar ás 18:30 horas do sábado. A esa hora, o 112 Galicia recibía un aviso dos profesionais sanitarios de urxencia que solicitaban a colaboración dos demais equipos de emerxencia para intervir na excarceración dunha persoa ferida neste accidente.
Segundo a información facilitada aos xestores do 112, o equipo médico desprazaría ata o punto ao helicóptero medicalizado con base en Santiago e necesitaría apoio para liberar á ferida e conducila ata o punto onde estaría aterrada a aeronave.
Axiña, o persoal do Centro integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia puxo en marcha un operativo que contou coa intervención dos Bombeiros do Morrazo e dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local.
Unha vez excarcerada polos bombeiros, a muller puido ser trasladada polos servizos sanitarios a un centro médico.
Desde o 112 tamén pasouse aviso ao servizo de mantemento das estradas.
PERSOA EXCARCERADA EN PORTAS
Tamén na provincia de Pontevedra, unha persoa tivo que ser excarcerada ao sufrir unha saída de vía co turismo que conducía na estrada de Caldas, á altura do concello de Portas.
Os feitos sucederon ás seis horas da mañá deste domingo e foi un particular quen alertaba do suceso ao 112 Galicia.
Decontado, os xestores do 112 solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Ribadumia, dos axentes da garda Civil de Tráfico e dos membros de Protección Civil de Portas.