A ludoteca de Ponte Caldelas reduce de 40 a 17 o número de nenos no inicio da actividade escolar
Por Redacción
A ludoteca municipal de Ponte Caldelas retoma a actividade adoptando as medidas hixiénico sanitarias previstas polas autoridades da Xunta de Galicia para facer fronte á situación de pandemia.
Desta forma, dos 40 menores que habitualmente se atendían na ludoteca pasan neste inicio de curso a 17, que forman parte de familias con dificultades de conciliación. As tres monitoras que se encargan da atención dos escolares xa realizaron a proba PCR con resultado negativo e as instalacións se desinfectaron a fondo, segundo a información facilitada polo Concello de Ponte Caldelas.
Tomarase a temperatura a cada menor ao entrar ao centro, se descalzarán ao acceder ao edificio e atoparanse en divididos en dous grupos. As xornadas serán de catro horas, desde as 16.00 ata as 20.00 horas. Ao longo da tarde, segundo o goberno local, realizaranse dúas desinfeccións intermedias.
As familias non poderán acceder ao interior do edificio. Neste sentido, o alcalde Andrés Díaz pide responsabilidade aos pais e nais a quen lles pide que ante a menor sospeita de síntomas de Covid-19 deixen aos seus fillos en casa. Agradece tamén a comprensión daquelas familias que este curso non poderán usar este servizo debido ás limitacións de capacidade do centro.