O positivo dunha nena de Sanxenxo activa os protocolos sanitarios nun colexio e unha escola infantil
Por Oskar Viéitez
O Concello de Sanxenxo informou que unha alumna de Infantil do CEIP Magaláns deu positivo por Covid 19 tras sentirse indisposta durante a xornada do venres.
A familia da menor recibiu a comunicación por parte do Sergas do resultado do PCR na tarde do domingo e na mañá do luns informouno ao centro.
O colexio xa deu traslado da listaxe dos seis alumnos e docentes da aula para actuar segundo o protocolo sanitario que marcará, se é necesario, practicar as probas de diagnóstico ou illamentos pertinentes.
A alumna con Covid ten dous familiares matriculados na gardería municipal do Revel cos que mantén un contacto estreito o que obrigou a activar o protocolo no centro.
As dúas menores xa non acudiron hoxe á gardería e, tras a confirmación do positivo, practicaránselles as probas PCR. A dirección da gardería comunicou ao resto das familias das alumnas destas dúas aulas a situación e as medidas para seguir.
Desde o Concello de Sanxenxo destacan que "o que ocorreu é un escenario previsto polas autoridades sanitarias e educativas" e, por tanto, "aínda que o ideal é que non houbese contagios, esa non vai ser a realidade".
Estas mesmas fontes advertiron de que "ao longo do curso produciranse situacións similares" e destacaron que "o relevante é que se apliquen os protocolos establecidos coa máxima eficacia posible para evitar a propagación do virus".
Relacionadas:
-
Ata 16 centros educativos na área sanitaria rexistraron polo momento algún caso de COVID
Por Diego Espiño |
-
Un positivo no colexio San Francisco de Vilagarcía confina a toda unha clase de Infantil e á profesora
Por Redacción |
-
O positivo dunha educadora na Escola Infantil Casa do Mar de Marín pon en corentena varios menores
Por Oskar Viéitez |
-
Protocolo sanitario no Colexio O Cruceiro de Vilalonga polo positivo dunha alumna de catro anos
Por Redacción |