A Xunta aporta 350.000 euros para o novo Centro Cultural e Turístico Antonio Fraguas
Por Redacción
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, asinaron este martes un convenio de colaboración, a través do que o Goberno galego financia con 350.000 euros a rehabilitación do edificio do antigo cine-baile da parroquia de Carballedo para crear o novo centro cultural e turístico Antonio Fraguas.
Esta axuda supon máis do 70% deste proxecto, dotado dun orzamento de preto de 500.000 euros.
Alfonso Rueda encadrou esta actuación no Plan Estratéxico do Turismo de Galicia 2020 e destacou que "hai que poñer en valor moitos dos pequenos tesouros que temos" en relación a "moitas infraestruturas que simbolizan a nosa historia, que sempre é bo que se coñezan, que non se perdan e poder darlle unha segunda vida, e este e o perfecto exemplo".
O proxecto permitirá rehabilitar o inmoble do antigo cine-baile que se empregara como centro cultural de Carballedo e transformalo nun espazo de 477 metros cadrados no que se poderán acoller diferentes actividades culturais, turísticas e sociais. Na planta baixa situarase un aula que se poderá dividir en dúas grazas a un tabique móbil, un vestíbulo amplo que tamén pode acoller recepcións e exposicións e uns aseos.
Ademais, acometerase unha ampliación na parte posterior do edificio para acoller un almacén, un cuarto de instalacións e un ascensor, permitindo que as dúas plantas teñan accesos independentes para celebrar actos de xeito simultáneo. Xa no primeiro andar habilitarase unha sala ampla para usos múltiples na que poderán realizarse unha pequena cabina de control e un almacén.