A Policía Local de Poio xa conta cunha pistola táser para reducir a persoas violentas
Por Redacción
A Policía Local de Poio incrementa os seus instrumentos para garantir a seguridade coa incorporación dunha pistola táser. Esta ferramenta utilizarase polos axentes en situacións nas que se vexan obrigados a reducir persoas violentas.
Durante unha xornada, os integrantes da Policía Local participaron nun curso de formación sobre o uso desta pistola táser. Impartíase unha sesión teórica nas dependencias da xefatura e outra práctica, que se desenvolvía no pavillón polideportivo de Lourido.
Este dispositivo de control electrónico, malia ter unha forma similar á dun arma de fogo, ao presionar o gatillo saen proxectados uns dardos que se atopan unidos a un sistema que emite pulsos eléctricos que evitan ao presunto agresor realizar accións voluntarias con brazos ou pernas.
Segundo o Sindicato Vasco de Policía e Emerxencias, as correntes que se aplican son de 10 miliamperios, que ao entrar en contacto co corpo humano provocan contraccións musculares, que non causan efectos prexudiciais para a saúde en exposicións curtas.