Rematado con éxito o muro de Segade de Abaixo malia as dificultades do terreo
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis vén de finalizar as obras de reposición do muro situado no camiño do núcleo de Segade de Abaixo, pertencente á parroquia de Santa María. Na xornada do mércores realizarase o peche oficial duns traballos que obrigaron a facer unha intervención moi precisa.
A enorme complexidade da obra veu motivada tanto polas especificidades construtivas como polas dificultades do terreo. Para iso, foi necesario empregar maquinaria especial adaptada ao escaso espazo da contorna. Ademais, necesitouse a coordinación continua da actuación por parte do Concello para garantir a continuidade na prestación aos veciños dos diferentes servizos e abastecementos afectados pola obra, como auga e servizo eléctrico.
As obras realizadas consistiron na retirada dos restos do muro derrubado así como do firme, tanto do vial superior como dun camiño inferior peonil. A continuación cavouse o terreo para executar a zapata coa que se sostén o novo muro executado en bloques de granito de Arcade con acabado rústico e sen marcas de canteira, tal e como esixiu Patrimonio. As obras de reposición afectaron a un treito total de 20 metros de lonxitude e interviron canteiros especializados de Poio.
O remate do proxecto chega tras dous meses de actuacións por parte da empresa Emdesfor 2002 e contou cun orzamento de 37.900 euros financiados integramente pola Deputación de Pontevedra a través do Plan de Concellos.
O muro de contención da pista existente en Segade de Abaixo, próxima ao río Umia, colapsou debido ás fortes chuvias e ás malas condicións meteorolóxicas que azoutaron a zona no último inverno. Tras o derrube, o Concello comezou a traballar de xeito inmediato na realización do proxecto técnico e nas xestións necesarias para poder obter as necesarias autorizacións.
O muro atópase no entorno de protección do Muíño das Pontellas e da Pontella de Segade, bens patrimoniais catalogados no Plan Xeral de Ordenación Municipal, de modo que calquera obra que afecte ás súa contorna precisa autorización. Doutro lado, ao tratarse dunha actuación que se debeu realizar nunha zona de afección da marxe dun leito fluvial, tamén foi preciso contar coa autorización de Augas de Galicia.
O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, visitaba as obras e destacaba "a importancia desta actuación para a volta á normalidade da veciñanza de Segade de Abaixo". Así mesmo, o rexedor apuntaba a que "foi unha obra moi complexa e estamos moi satisfeitos de tela rematado no prazo previsto e do ben resolta que quedou".
Pola súa banda, o concelleiro de Obras e Infraestruturas, Manuel González, remarcaba "o gran traballo e a estreita coordinación necesaria por parte do servizo municipal de obras para asegurar os abastecementos de auga e os servizos da ETAP á veciñanza tanto ao comezo como ao final da actuación".
Relacionadas:
-
Informes favorables para a restauración da Pontella de Segade de Abaixo
Por Redacción |
-
Caldas mellora o vial interior do núcleo de San Martiño
Por Redacción |
-
A Fábrica de Luz en Caldas acolle obras de urxencia para mellorar a súa seguridade
Por Redacción |
-
Caldas de Reis finaliza a reparación urxente da Pontella de Segade
Por Redacción |
-
Caldas restaurará a Pontella de Segade deteriorada polas crecidas do Umia
Por Redacción |