Sanidade impón restricións a Marín ante o incremento de casos de COVID-19
Por Alejandro Espiño
Son xa catro os municipios da área sanitaria de Pontevedra que foron declarados zonas de especial restrición pola COVID-19. Tras Pontevedra, Poio e Vilaboa, Sanidade incluíu tamén nesta lista a Marín, onde os casos activos superan o medio centenar.
Así o decidiu o comité clínico que asesora á Xunta en materia de prevención do coronavirus, ante o incremento da incidencia da pandemia. Estas restricións, que tamén afectan a Silleda, están pensadas para frear o índice de contagios entre a poboación.
Xa o pasado luns, Marín participara na reunión telemática que as autoridades sanitarias mantiveron con Pontevedra, Poio e Vilaboa para analizar a súa evolución, polo que a súa incorporación a estas zonas con restricións especiais non é unha sorpresa.
Os máis de cincuenta casos que había o luns, recoñecen desde o Concello, creceron desde entón. A cifra actualizada será analizada na reunión fixada para este xoves entre Sanidade e os catro municipios da área que comparten esta mala evolución da pandemia.
As restricións que se impuxeron a Marín entrarán en vigor a partir de mañá.
Así, limitarase o aforo do comercio e da hostalería ao 50%, non estarán permitidas as reunións sociais de máis de dez persoas e restrínxese a asistencia a eventos como vodas ou velorios, cun máximo de 100 e 25 persoas respectivamente.
Tamén haberá aforo limitado na biblioteca municipal, academias, autoescolas ou centros privados de ensinos non regrados.
A este respecto, desde o Concello de Marín rogan aos seus habitantes que cumpran estas medidas de maneira estrita, xunto coa obrigada distancia de seguridade, o uso obrigatorio da máscara e o lavado frecuente de mans con xeles hidroalcohólicos.
Ademais, o goberno municipal lembra a obrigatoriedade de gardar corentena no caso de dar positivo por COVID-19 e recomenda que aos colexios só acompañen aos nenos un único adulto, para reducir os riscos de contaxio.
Relacionadas:
-
Vilanova súmase aos concellos con restricións e o alcalde aconsella: "Del trabajo, para casa y de casa, para el trabajo"
Por Natalia Puga |
-
Sanidade inicia en Pontevedra o cribado preventivo con PCR a profesionais de restauración e hostalería
Por Redacción |
-
Outra xornada preocupante na área sanitaria, con 51 novos positivos de COVID e 651 casos activos
Por Diego Espiño |
-
Lores, "preocupado" ante a pandemia: "A impresión que teño é que non se están a facer os protocolos como din"
Por Alejandro Espiño |
-
Outros 29 positivos elevan a 577 os casos activos por COVID-19 na área sanitaria
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Once nenos e dúas educadoras en corentena en Vilaboa tras un positivo por COVID-19 na escola infantil
Por Redacción |
-
Pontevedra rexistra gromos "numerosos" de COVID-19 por reunións sociais e pacientes cada vez máis novos
Por Alejandro Espiño |