Moraña comeza un plan de obras no rural coa renovación do firme da aldea de Fontenla
Por Redacción
O Concello de Moraña vén de comezar o plan de obras na zona rural proxectado para os vindeiros meses de outono e que contará cun investimento de 140.000 euros.
Os traballos proxectados contemplan melloras en 1.200 metros de pistas e o reforzo de medidas de seguridade coa construción dun cento de metros de muros de contención en seis parroquias.
Este mércores poñíase en marcha a primeira das actuacións na aldea de Fontenla, pertencente á parroquia de Laxe, coa renovación do firme de todo o seu viario interno. De inicio, procedeuse á limpeza da vía, que foi supervisada pola alcaldesa, Luisa Piñeiro, e os técnicos municipais, para perfilar diversos detalles antes de que se afronte a súa execución, que ten un prazo de dous meses e un orzamento de case 40.000 euros, financiado ao abeiro do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.
A posterior mellora do firme comezará no entronque coa estrada provincial EP-8202 e alcanzará os dez treitos da súa parte interior ata sumar 666 metros de pista. Neste espazo procederase á limpeza das gabias co obxectivo de aproveitar ao máximo a anchura existente, acometerase o fresado do pavimento deteriorado, reasfaltarase cun grosor de 5 centímetros e realizarase o realce das tapas de rexistro e dos sumidoiros de augas pluviais.
A continuación, o Concello executará outros proxectos na zona rural consistentes na construción de muros nos lugares do Piñeiro (Amil), Rebón de Arriba, O Castro (Rebón), A Igrexa (Santa Xusta) e Suigrexa (Saiáns).
Así mesmo, con este proxecto modernizarase a capa de rodadura dun treito de 320 metros no Souto (Lamas) e outro de 200 metros na Igrexa (Santa Xusta), onde tamén se procederá á construción de 120 metros de gabia cun metro de anchura.
Relacionadas:
-
Rebón estrea unha nova praza pública e 2,5 quilómetros de camiños renovados
Por Redacción |
-
Moraña contratará 16 mozos durante un ano a través do Obradoiro de Emprego Xóvenes
Por Redacción |
-
A Deputación aproba unha partida de 2'6 millóns de euros para o Plan Concellos
Por Redacción |
-
Moraña retoma as licitacións de obra pública interrompidas coa pandemia
Por Redacción |