Completada a remodelación da conexión interior entre Viascón e Tenorio pola pista de Cabanelas
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade está a completar a remodelación integral da conexión interior entre as parroquias de Viascón e Tenorio a través da pista de Cabanelas cara as proximidades do lugar da Costa coa execución da segunda fase deste proxecto, que mellora as condicións viarias e de seguridade dos 1.960 metros desta estrada.
Con motivo destas obras, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, achegouse ata a zona para comprobar o resultado dos traballos e explicou que esta actuación "era unha prioridade e unha necesidade, xa que o vial estaba en moi mal estado e trátase dunha arteria estratéxica para a mobilidade do noso concello, alternativa á estrada nacional, posto que une dúas parroquias moi poboadas", beneficiando de xeito directo a máis de 1.600 veciños desta contorna.
En conxunto, o Concello inviste, sumando as dúas fases, uns 150.000 euros financiados en ambos casos ao abeiro do Plan de Mellora de Camiños Municipais da Xunta de Galicia, xa que o proxecto, ademais de mellorar a conectividade entre estas dúas parroquias, tamén serve para garantir o acceso a decenas de parcelas de uso agrícola e gandeiro.
Na primeira fase, rematada a comezos do presente ano, destináronse case 50.000 euros para a renovación do firme dun treito de 855 metros, cunha anchura de entre 4 e 4,5 metros, a limpeza de gabias e a regularización da plataforma coa supresión dos fochancas.
Na actualidade, estase acometendo a segunda parte, que quedará rematada nos vindeiros días e que conta cun orzamento de 100.000 euros para a modernización dos 1.105 metros restantes.
Así, executouse a limpeza de foxos en ambas marxes, estase dotando dunha nova capa de rodadura con aglomerado en quente e vanse instalar canalizacións en formigón en diversas zonas ao tempo que se liberan as obstruídas en catro puntos, revestirase a cuneta nun treito de case cen metros e efectuarase unha mellora da sinalización.