Moraña concederá 85 axudas a autónomos e pemes locais para paliar as perdas pola COVID
Por Redacción
O Concello de Moraña xa ten a resolución provisional de beneficiarios das 85 axudas económicas municipais a autónomos, microempresas e pemes locais ao abeiro da orde de axudas destinadas a paliar os graves efectos socioeconómicos causados nos seus negocios e actividades pola crise sanitaria da COVID-19 e polos prexuízos ocasionados nos mesmos polos tres meses de Estado de Alarma.
O Concello pechou o prazo de solicitudes a mediados do pasado mes de xullo e procedeu ao baremo e comprobación das solicitudes durante estas semanas.
Neste momento, o Goberno local ten previsto resolver esta aprobación inicial das axudas do programa 'Moraña Actívase' para elevala a definitiva nos vindeiros días co obxectivo de proceder ao pagamento a todos os beneficiarios, que ascende conxuntamente ata os 59.000 euros.
En concreto, concederanse 50 subvencións para autónomos e pemes de Moraña que se viron obrigados ao peche como consecuencia do Real Decreto do 14 de marzo que aprobou o Estado de Alarma por un importe de 900 euros cada unha e outras 35 axudas de 400 euros para aqueles que no mes anterior á solicitude desta subvención viron reducida a súa facturación en polo menos un 50% con respecto á do semestre natural precedente.
Entre os sectores do municipio máis afectados economicamente pola crise sanitaria da COVID-19 figuran, segundo as solicitudes presentadas, os da hostalería e restauración, comercio e salóns de peiteado, aínda que tamén hai negocios relacionados co ensino, o agro e a gandaría, a publicidade, a automoción, a papelería, a axencia comercial, o transporte, a carpintaría ou a albanelería, entre outros.
Relacionadas:
-
O programa "Moraña Actívase" abonará as 85 axudas a pemes este mes
Por Redacción |
-
Moraña tramita 64 peticións da axuda municipal a empresas afectadas pola Covid-19
Por Redacción |
-
Prevén abrir o prazo esta semana para que autónomos e pemes soliciten axudas ao Concello de Moraña
Por Redacción |
-
Moraña inicia unha campaña para "activar" o comercio e a hostalería
Por Redacción |