Cuntis participa na Semana Europea da Mobilidade cun peche simbólico do tráfico no casco histórico
Por Redacción
O Concello de Cuntis súmase á Semana Europea da Mobilidade, que se celebra entre os días 16 e 22 deste mes de setembro e programa diferentes actividades de sensibilización. Unha das máis chamativas será o peche, este sábado 19 de setembro, do casco histórico á circulación de vehículos a motor.
Como sinala o concelleiro de Medio Ambiente, Martín Álvarez, "somos un Concello comprometido coa recuperación do espazo público para as persoas e co fomento de modelos de mobilidade alternativos ao motor e por iso decidimos sumarnos a esta iniciativa", que está coordinada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e busca sensibilizar tanto a responsables políticos como a cidadáns sobre as consecuencias que ten o uso indiscriminado do coche tanto para a saúde pública como para o medio ambiente.
O programa de actividades comezou o día 16 coa elaboración do 'Metrominuto, Cuntis pouco e pouco' por parte do alumnado do CPI Don Aurelio, cunha infografía onde poden comprobarse as distancias e o tempo que leva desprazarse a pé por todo o casco urbano sen a necesidade de coller o coche.
Este xoves instaláronse soportes para o aparcamento de bicicletas en puntos estratéxicos da vila. O Concello de Cuntis pretende con esta medida favorecer o uso da bicicleta xa que se trata dun medio de transporte ecolóxico e seguro fundamental no novo escenario de mobilidade.
Continuando co programa, o xefe da policía local de Cuntis, Jesús Baamonde, ofrecerá este venres 18 unha charla sobre o modelo de cidade de Pontevedra. A cidade do Lérez converteuse nun exemplo internacional de como os cambios na mobilidade cara a unha maior sustentabilidade favorecen o medio ambiente, o desenvolvemento económico e o benestar da cidadanía. Terá lugar ás 20.00 horas na Casa da Cultura.
O sábado 19, pecharase todo o casco histórico á circulación de coches dende as 14.00 horas ata as 00.00 do domingo. Ademais, en colaboración co Club de Ciclismo Xesteiras, organízase un cursiño de nocións básicas para rodar con seguridade en bicicleta e sobre seguridade vial. Terá lugar no campo de fútbol das Canteiras ás 10.00 horas. As persoas interesadas deben inscribirse previamente a través do teléfono 615 193 391 ou no correo turismo@concellodecuntis.es.
O domingo, día 20, a partir das 10.00 horas, realizarase unha campaña de recollida de lixo na área da Ran que terá saída dende a Praza das Árbores, co obxecto de fomentar hábitos de vida saudable e o coidado do medio ambiente. Neste caso tamén é preciso apuntarse previamente.
As actividades da Semana Europea da Mobilidade proseguen o luns, día 21, coa campaña 'Camiña por Cuntis. Faino por ti, faino por todos', a través da que se pretenden incentivar os desprazamentos a pé pola Vila Termal.
Finalmente, o martes 22 celebrarase o Día sen Coche no que de xeito simbólico se cortará ao tráfico nalgunha rúa do casco urbano.
Relacionadas:
-
Os votos de PSOE e Veciñanza sacan adiante o Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Cuntis
Por Redacción |
-
Valencia premia a Pontevedra pola súa "exemplar" transformación urbana
Por Alejandro Espiño |
-
A aplicación electrónica para a xestión de sancións de tráfico chega a 24 novos municipios da provincia
Por Redacción |
-
A seguridade viaria tamén é cousa de nenos
Por Redacción |