Pontevedra recolle o Premio Semana Europea da Mobilidade 2020 pola seguridade das súas vías urbanas
Por Redacción
A través dun acto celebrado por vídeoconferencia, o concelleiro de Obras e Mobilidade Demetrio Gómez, por indisposición do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, recollía este xoves o primeiro Premio Semana Europea da Mobilidade 2020 á experiencia nacional/internacional replicable que concede a Comunitat Valenciana.
O xurado da Semana Europea de Mobilidade concede este premio a Pontevedra polos esforzos realizados para mellorar a seguridade nas vías urbanas, recalcando medidas como o seu sistema de vixilancia para identificar a efectividade das políticas implementadas, a redución de velocidades a 10-30 quilómetros por hora e a creación de máis espazos públicos que fan a contorna máis atractivo para os peóns.
O concelleiro Demetrio Gómez agradecía o premio e destacaba que este galardón reafirma o esforzo que "se ten feito en Pontevedra". Segundo o director xeral de Mobilidade da Comunitat Valenciana, o xurado tiña claro desde o primeiro momento o destino deste premio creado pola Consellería de Política Territorial, "á marxe do parapanatismo do estranxeiro, era para Pontevedra" e destacou o modelo peonil da cidade do Lérez, que entende que é exportable a outras poboacións.
César Mosquera, concelleiro de Infraestruturas, tamén participaba nesta semana Europea da Mobilidade cunha vídeoconferencia durante a xornada "Por unha mobilidade sen emisións", organizada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.