A Lama estrea o renovado Camiño do Porto
Por Redacción
Remataron os traballos de mellora do Camiño do Porto, no concello da Lama, que dará servizo aos diferentes núcleos de poboación da parroquia de Verducido.
O tenente de alcalde, David Carrera, e o concelleiro da parroquia de Verducido, Francisco Pérez, supervisaban neste xoves o final da obra e salientaban a importancia deste vial de comunicación interior para esta zona da parroquia.
As obras contaron cun investimento superior a 40.000 euros e contaron con subvención da Xunta de Galicia, a través do Plan Marco, a Unión Europea e do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
A actuación no Camiño do Porto consistiu na mellora do firme existente, moi deteriorado polo paso do tempo e a acción das precipitacións metereolóxicas.
Fontes municipais destacan a gran dificultade dos traballos, que se completaron coa instalación de reixas de drenaxe e gabias para canalizar as abundantes augas pluviais que se producen ao longo de todo o trazado deste vial de titularidade municipal.