A Deputación lanza a quinta edición dos premios Sofía Novoa para traballos de fin de grao ou máster sobre igualdade
Por Manu Otero
O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publica este venres as bases da quinta convocatoria dos premios Sofía Novoa. Un galardón co que o goberno provincial pretende premiar os traballos de fin de carreira ou máster de estudantes da Universidade de Vigo que inclúan a perspectiva de xénero para promover a igualdade.
O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 2 de outubro e a convocatoria inclúe dous primeiros premios de 1.000 euros para cada unha das liñas competitivas, así como un accesit de 600 euros para outros dous traballos de fin de grao e máster que o xurado considere merecedor.
A convocatoria destes premios teñen un dobre obxectivo. Por unha banda valorar a innovación, o estudo, a investigación e as propostas de traballo para conseguir a igualdade; e por outro, visibilizar a figura de Sofía Novoa, unha muller que viviu na Residencia de Señoritas de Madrid durante o primeiro terzo do século XX e que exerceu de pedagoga e música.
Para elixir as propostas gañadoras, o xurado terá en conta a calidade do traballo, a relevancia e carácter innovador da súa temática e metodoloxía, a aplicabilidade práctica das achegas do estudo, o uso dunha linguaxe inclusiva e da lingua galega, así como o emprego de referencias e fontes bibliográficas.
O anuncio desta convocatoria realizouno a presidenta da Deputación, Carmela Silva, nunha roda prensa na que a mandataria quixo lembrar o primeiro aniversario do asasinato machista de tres mulleres, as irmás Sandra e Alba Boquete e a nai delas, María Elena Jamardo, en Valga a mans da expareja dunha delas e diante dos seus dous fillos menores de idade.
Antes de comezar a Xunta de Goberno, Silva avanzou algúns dos temas que o goberno provincial ten previsto aprobar como a concesión de fondos dentro do Plan Concellos aos municipios de Bueu, A Illa de Arousa e Gondomar, así como a aprobación, por valor de 1,25 millóns de euros, de subvencións a clubs deportivos federados de ámbito nacional e relacionados con deportes náuticos.
Outro asunto saído adiante nesta reunión é a adhesión da Deputación de Pontevedra á campaña Un metro cadrado por praias e mares convocada polo Proxecto Libera. A iniciativa consiste en dúas accións de recollida de lixo, o 26 de setembro e 3 de outubro, nas praias de Area da Cruz do Grove e Nerga de Cangas. A duración será de dúas horas e como máximo poderán participar dez persoas que xa poden inscribirse como voluntarios na web da Deputación.
Ademais de liberar á natureza destes residuos, o obxectivo da campaña é tipificar o tipo de lixo que se atopa en cada punto de limpeza a través dunha aplicación. Os datos serán remitidos ao Ministerio de Transición Ecolóxica que os estudará para buscar estratexias máis eficientes para acabar con este grave problema ambiental.
Relacionadas:
-
Premian traballos sobre os estereotipos de xénero na publicidade, as mulleres do mar ou o movemento 'Me Too'
Por Redacción |
-
Os Premios Sofía Novoa distinguen o compromiso coa perspectiva de xénero de catro universitarias
Por Redacción |
-
Entrega de premios a seis estudantes da Universidade de Vigo por traballos con perspectiva de xénero
Por Redacción |
-
Crean o galardón Sofía Ortiz Novoa para premiar a perspectiva de xénero en traballos universitarios
Por Alejandro Espiño |